O Concello de Cuntis, coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística, puxo en marcha unha iniciativa especial con motivo do Mes da Ciencia.
O programa busca achegar o mundo da ciencia aos máis pequenos da casa de forma divertida e participativa, fomentando á súa vez o uso e o valor do galego.
A programación, que se desenvolverá durante o mes de setembro nas instalacións municipais, inclúe dous obradoiros experimentais, pensados para espertar a curiosidade e o enxeño dos pequenos científicos.
A primeira xornada celebrarase o sábado 13 de setembro e estará dedicada aos 'Tolos estados da materia' (10:30 a 11:30h) e ás 'Burbullas' (11:30 a 12:30h), onde os participantes poderán descubrir a través de xogos e experiencias sensoriais as propiedades e transformacións dos elementos.
A actividade continuará o sábado 20 cos talleres 'Coñece os teus sentidos' (10:30 a 11:30h) e 'A fábrica dos aromas' (11:30 a 12:30h), nos que se explorarán as capacidades do corpo humano e crearase unha aventura olfactiva única.
"Con esta iniciativa queremos demostrar que a ciencia non ten por que ser aburrida nin complexa. É unha ferramenta fantástica para que os nosos fillos e fillas aprendan a coñecer o mundo que os rodea", sinalou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
O rexedor tamén quixo poñer en valor a importancia desta actividade, a través da cal se fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a experimentación dos máis pequenos nun ambiente lúdico, seguro e en galego.
"Esperamos que se animen a participar e descubran a ciencia dunha maneira que xamais esquecerán", concluíu Campos.
As inscricións poderanse facer de maneira gratuíta nas oficinas do Concello e, para máis información, as familias poden dirixirse á OMIX, no teléfono 986 533 600 ou no correo electrónico omix@concellodecuntis.es.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.