Diversión e moita cor no Entroido de Verán de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
17 de xuño 2018

Éxito de participación e público na segunda edición do Entroido de Verán, un evento que ameaza con consolidarse no calendario festivo da comarca

Entroido de Verán de Ponte Caldelas 2018
Entroido de Verán de Ponte Caldelas 2018 / Concello de Ponte Caldelas

Foi só a súa segunda edición, pero o Entroido de Verán de Ponte Caldelas ameaza con consolidarse no calendario festivo da comarca.

O deste sábado foi un éxito rotundo de participación nas rúas da vila, no desfile e como público nunha xornada de diversión e cor que se prolongou ata altas horas da madrugada.

O desfile tivo unha duración dunha hora e 45 minutos e nel tomaron parte seis comparsas e outros tantos grupos, varios deles locais, ademais de varios participantes nas modalidades de individuais e parellas. 

A continuación celebrouse o primeiro concurso de drag queens coa participación de dous artistas que actuaron ante un numeroso público na Alameda, finalizando a festa cunha verbena a cargo da orquestra Foliada.

Os gañadores na categoría de comparsas foron Os da Caña (Marín); en grupos venceron As Marchosas de Arcade; o premio infantil foi para A Súper Ludoteca, mentres que o galardón de individuais-parellas recaeu en La Labranza. Ketty Pin foi premiada como a mellor drag e o premio especial ao público foi para Micaela, unha nena que asistiu ataviada de Menina de Velázquez.