Divertida Gala do Chapante en Cuntis na fin de semana da Festa do Lacón con grelos

Umia
25 de febreiro 2023

Rendeuse unha homenaxe a Manuela Couso e ao Bar Moncho durante esta gala celebrada no Centro Sociocultural Patelas, coa intervención de Ramiro Espiño, un dos socios fundadores de PontevedraViva. A sesión contou coa actuación de Chumpá Teatro. Este sábado chega a cita musical co concerto de Los Secretos na Rúa Pedro Campos, como acto previo á Festa do Lacón con grelos deste domingo 26

Gala do Chapante 2023
Gala do Chapante 2023 / Concello de Cuntis

O Centro Sociocultural Patelas acollía na noite deste venres a tradicional Gala do Chapante coa presenza de numeroso público.

O acto, ao que asistía o alcalde Manuel Campos, contou coa divertida actuación do grupo local Chumpá Teatro.

O xornalista Ramiro Espiño, nacido en Cuntis e un dos socios fundadores de PontevedraViva, encargábase de facer unha descrición en homenaxe a Manuela Couso e ao Bar Moncho. Na súa intervención lembrou a súa infancia e a traxectoria hostaleira de Moncho e de Manuela, afeccionada ao Pontevedra Club de Fútbol cando o conxunto granate militaba en primeira división. 

Ambos, segundo a súa exposición, reunificaron á vila con Manuela creando un xardín no vello casarón da Sindical, cando o Bar Moncho se remozou. Neste espazo, Manuela Couso mostraba exemplares de camelias, converténdose en pioneira na zona no cultivo destes pequenos arbustos cos que acadou numerosos premios. 

Este sábado 25 está previsto o concerto do grupo Los Secretos na Rúa Pedro Campos, a partir das 22.00 horas. Parte da recadación será doada á Asociación Española contra o Cancro, coa asociación Anedia Galicia e con Agadea Alzhéimer. 

A cita musical exercerá de preámbulo da vixésimo cuarta edición da Festa do Lacón con grelos do domingo 26, que contará a partir das 12.30 horas co pregón na Praza da Constitución a cargo da coñecida humorista Eva Iglesias. Pablo García "Chichas" encargarase de conducir todo o evento nunha festa gastronómica que, desde a organización, agardan que sexa "apoteósica".