Doce concellos da provincia deixan en mans da Deputación a vixilancia, inspección e control dos seus residuos

Barro
28 de outubro 2022

O servizo comezará a funcionar nos primeiros meses de 2023 co obxectivo de cumprir a normativa reciclaxe, evitar sancións "e ter sensibilidade co planeta que habitamos", segundo o vicepresidente Mosquera

Reparto de contedores no centro histórico
Reparto de contedores no centro histórico / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra vai encargarse da vixilancia e inspección do lixo en establecementos, entidades ou empresas xeradoras de residuos en doce concellos da provincia grazas ao corpo provincial do Revitaliza: Barro, Meis, Silleda, a mancomunidade do Morrazo (Bueu, Moaña e Cangas), A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, A Cañiza e As Neves.

O servizo comezará a funcionar nos primeiros meses de 2023 co obxectivo de cumprir a normativa vixente de reciclaxe, evitar sancións "e ter sensibilidade co planeta que habitamos", segundo explicou o vicepresidente César Mosquera. 

O nacionalista salientou que a Deputación tomou a iniciativa de crear este corpo provincial para axudar aos concellos porque xa hai anos que deberían ter acadado as porcentaxes marcadas tanto pola normativa galega, estatal e europea. 

O corpo de persoal inspector estará formado por funcionarios provinciais, que serán os encargados de identificar posibles incumprimentos e riscos ambientais asociados á actividade de negocios e empresas, mais en ningún caso en domicilios particulares. Deberán realizar exames e controis periódicos, incluso realizando gravacións de imaxes, para levantar actas que poderán dar lugar a expedientes sancionadores.

O obxectivo será certificar que os residuos xerados se entregan axeitadamente a xestores autorizados -ou ao sistema do Concello ao que estean adheridos-, e ver que cumpren as ordenanzas municipais e a normativa vixente no referido ao tratamento das diferentes fraccións: papeis, metais, plástico e vidro e, fundamentalmente, aos biorresiduos, que deben recollerse de maneira separada dende o pasado 30 de xuño.

O vicepresidente Mosquera subliñou que o corpo provincial de vixilantes de residuos segue "un proceso aberto", polo que outros concellos da provincia poderán incorporarse no futuro se o consideran beneficioso. 

O Pleno provincial aprobou este venres a encomenda de xestión por parte dos concellos –xa aprobada previamente en cada municipio- e en breve asinaranse os convenios de colaboración bilaterais. Paralelamente porase en marcha o proceso selectivo do persoal, que podería comezar a exercer as súas funcións nos meses de febreiro marzo. Inicialmente a súa actividade sería fundamentalmente divulgativa.