Esta semana incorporáronse doce estudantes de Pre-Medicina, procedentes do estado norteamericano de Florida, á actividade do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP). Por sétimo ano consecutivo, estudantes que forman parte do 'Proxecto Atlantis' participan nos hospitais públicos pontevedreses desta iniciativa.
Trátase dun programa de prácticas de observación en hospitais co obxectivo de facilitar os vínculos entre os futuros facultativos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que realizan as prácticas.
Sonia Fernández-Arruti, directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, e a directora de Atención Hospitalaria, Yolanda Sanduende; ademais do xefe de sección do servizo de Pneumoloxía do CHUP, Adolfo Baloira, mantiveron un encontro coas estudantes que, no próximas catro semanas, realizarán rotacións en parellas por distintos servizos hospitalarios.
Está previsto que estas estudantes percorran os servizos de Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Pneumoloxía, Cirurxía Vascular, Xinecoloxía, Dixestivo, Anestesioloxía, Otorrinolaringoloxía e Medicina Interna, para realizar esas prácticas de observación, non médicas ou sanitarias, en diversas especialidades que, ata o de agora, descoñecían. Con esta perspectiva búscase que poidan profundar na súa vocación médica e vivir unha experiencia persoal no día a día da actividade sanitaria.
Estas alumnas superaron un grao universitario e deberán aprobar un exame de acceso para acceder á facultade de Medicina, segundo a información facilitada polo Sergas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.