Doce fogueiras públicas, entre as 247 autorizadas en Marín para San Xoán

Marín
22 de xuño 2026

O Foleón de Cantodarea, un dos máis tradicionais na vila, queimará dúas grandes fogueiras na Praza do Regueiro e terá actuacións musicais, sardiñada e churrasco a prezos populares

Preparativos para a fogueira de San Xoán en Cantodarea
Preparativos para a fogueira de San Xoán en Cantodarea / Concello de Marín

Cantodarea será unha das localización principais para gozar en Marín da noite máis máxica do ano, a de San Xoán. Alí, a cargo da asociación veciñal, estará situado o foleón máis grande estas festas.

O foleón ten este ano dous protagonistas: un helicóptero e un barco, lembrando a primeira figura que se queimou hai xa nove anos, cando se retomou esta tradición.

Ás 22:00 horas queimarase a fogueira infantil e haberá actuacións do grupo de baile Getting Jiggy Dance Studio, as Charangas Noroeste e Jalácticos, a Batucada Maracumbé, o dúo Bela&Charlo e finalmente o trío Tony Delgado.

Ás 00.00 horas, acenderase o gran foleón e haberá sardiñada e churrasco a prezos populares para pasar a noite.

Esta será unha das doce fogueiras públicas que iluminarán Marín durante o San Xoán.

As outras estarán en Fondo do Saco, no lavadoiro e no parque infantil da praia de Loira, na Praza do Espedregal (Soaxe), diante do colexio de Mogor, na Casa de Cultura do Campo, no parque de Miñán, no lavadoiro de Allariz, no cemiterio de Mogor ou no parque do Casal.

Desde o goberno local, lembran a importancia de cumprir obrigatoriamente con todas as normas que se aceptan de xeito automático ao realizar unha solicitude, como gardar unha separación mínima de 12 metros lineais con vexetación, casas ou edificios.

Ademais, non poderán superar 14 metros de altura e 6 metros de ancho e empregar leña, ramas, trocos de árbore ou calquera outro material de madeira para facer a combustión.