Domingo de sardiñada popular na Festa do Viño de Barro

Barro
16 de xuño 2019

Ás 10.30 horas comezarán no recinto do Pazo da Crega as catas de viños albariños da Denominación de Orixe Rías Baixas e de colleiteiros da zona. A partir das 12.30 horas, os asistentes poderán probar as sardiñas e viño tradicionais de forma gratuíta

Actuación da Coral de Barro na Festa do Viño
Actuación da Coral de Barro na Festa do Viño / Diego Torrado

A Festa do Viño 2019, no seu corenta aniversario, congrega a milleiros de persoas na contorna do Pazo da Crega, no municipio de Barro. Durante a tarde deste sábado, a Coral de Barro coa nova directora e a participación de varias solistas deleitou ao público asistente do mesmo xeito que as pandereteiras da asociación Peñaflor. O alcalde Xosé Manuel Abraldes asistía a estas actividades, despois de asistir ao acto da toma de investidura.

Pero a gran festa chegou coa verbena nocturna a cargo das orquestras Gran Parada e Ritmo Joven, que encheron de público o recinto.

Este domingo 16, as actividades inícianse co concurso de pintura rápida, que se desenvolverá ao longo da xornada. Ás 10.00 horas terá lugar a VII Xuntanza de Vespas, Lambrettas e motos clásicas. Media hora máis tarde comezarán as catas de viños albariños Rías Baixas e de colleiteiros da zona.

E ás 12.30 horas chegará un dos actos nos que se espera unha maior asistencia de visitantes, a "sardiñada" popular, na que se poderán degustar sardiñas e viño de forma gratuíta.

A festa concluirá ás 21.30 horas coa actuación da Banda Xuvenil de Barro, que ofrecerá un concerto co Orfeón Treixadura.