Domínguez ve a Lores "culpable" da inseguridade e BNG e PSOE acúsano de "mercadear" con ela "a cambio de votos"

Pontevedra
23 de xuño 2025

Foi no marco do pleno extraordinario solicitado polo PP para abordar os problemas de seguridade na cidade, especialmente tras a pelexa a navalladas rexistrada na Praza de Barcelos

Pleno da corporación municipal de Pontevedra
Pleno da corporación municipal de Pontevedra /

Nin a inminente noite de San Xoán, unha das máis esperadas do ano, arrefriou os ánimos na corporación municipal pontevedresa, que volveu a verse as caras na casa consistorial para, no medio dunha gran tensión, celebrar este luns un pleno extraordinario.

Esta sesión fora solicitada polo PP para abordar os problemas de seguridade dos que, segundo Rafa Domínguez, "avisamos por activa y por pasiva" de que se estaban rexistrando en Pontevedra e que culminaron "con una pelea a navajazos entre dos bandas juveniles".

"Puede haber hechos puntuales y peleas aisladas, pero aquí se veía venir", que esixiu a dimisión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Tiene que irse a su casa y no debería seguir ni un minuto más como alcalde", dixo.

Acusouno de estar "callado y escondido" ante estes feitos, de "negar la evidencia" durante os últimos dous anos, da súa "incapacidad" para escoitar a xente que advertía desta tendencia ou de "ignorar" os informes policiais que avisaban destas bandas organizadas.

Para o líder popular, o alcalde e o seu goberno "no quieren ver el problema" que hai nas rúas de Pontevedra, onde segundo reiterou "se ha traspasado una raya más" en materia de inseguridade, "y así es muy difícil que llegue la solución".

Pleno do Concello de Pontevedra
Pleno da corporación municipal de PontevedraMónica Patxot

O executivo local, con Lores á cabeza, "debería asumir responsabilidades", sostivo Rafa Domínguez, que asegurou que foron os populares "los únicos que hemos avisado que iba a suceder una desgracia y hemos propuesto medidas correctoras".

"Lores y el BNG han demostrado que no tienen ni fuerza, ni ganas, ni capacidad, ni intención de resolver unos problemas que pueden seguir yendo a más", engadiu Domínguez, que reclamou traballar para evitar que estes problemas "se expandan o se multipliquen".

Pontevedra, segundo o portavoz do PP, "es todavía una ciudad segura", pero entende que se non se actúa con determinación "lo que podemos ver aquí son problemas de convivencia que derivarán en algo más grave", lamentando que o goberno municipal "no tiene interés en resolverlo".

A este respecto, apelou a "tomar cartas en el asunto" e, ademais de dotar de máis recursos á Policía Local e aos servizos sociais, Domínguez pediu crear un consello de seguridade cidadá "con todos los actores implicados", incluídos veciños e comerciantes.

Sobre a creación deste consello de seguridade, rexeitado por nacionalistas e socialistas, foi especialmente crítico o portavoz do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, que acusou ao seu homólogo do PP de protagonizar un "exercicio de tremenda irresponsabilidade".

"De Trump a Santiago Abascal pasando por Rafa Domínguez hoxe xógase coa seguridade cidadá a cambio de votos", censurou Iván Puentes

 

Puentes lamentou que esta non sexa unha "estratexia illada" nos populares. "De Trump a Santiago Abascal pasando por Rafa Domínguez hoxe xógase coa seguridade cidadá a cambio de votos", censurou o socialista, censurando que queira "incendiar" a cidade.

Tras pedir "responsabilidade", o edil do PSOE reiterou que Pontevedra "é unha cidade segura" na que non existen problemas de seguridade senón que hai "determinados problemas de convivencia", especialmente con persoas que consomen alcol e drogas nas rúas.

"Ese é o problema que hai que abordar e que vostedes meten no mesmo saco que unha pelexa entre bandas organizadas polo trapicheo de droga, que é algo puntual que eu non recordo na cidade nos últimos tempos nin creo que se vaia a producir de novo", destacou Iván Puentes,

Neses problemas de convivencia, coincide Puentes, o goberno municipal "anda algo lento" e optou, ao seu entender, por "mirar para outro lado" ante unha cidadanía "que percibe o que está a pasar e reclama solucións", unha actitude "que eu non comparto".

Pleno da corporación municipal de Pontevedra
Pleno da corporación municipal de PontevedraMónica Patxot

En todo caso, insistiu que se trata dun asunto "moi delicado" que os poderes públicos deben abordar "sen tantos focos" como busca un PP que está "mercadeando" coa seguridade cidadá "a cambio de votos", algo nos que aos socialistas "non nos vai a atopar".

Ao BNG, por último, o líder do PSOE local reclamoulle sentar e "falar de verdade" sobre estes episodios porque, ao seu xuízo, "ignorando o problema" o único que se consegue é "darlle ás ao discurso ultradereitista do PP", tentando gañar as eleccións "co medo da xente".

A estas críticas sumouse a edil responsable de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, para quen os populares "o que pretenden é marear a perdiz eternamente para crear alboroto, ruído, xerar malestar e, a poder ser, non resolver nada".

Defendeu o "espectacular" traballo da Policía Local e dos responsables da seguridade cidadá en Pontevedra, para quen pediu "respecto" pola súa profesionalidade, ao considerar que o PP, coas súas declaracións, están a cuestionar a súa actuación.

Pleno da corporación municipal de Pontevedra
Pleno da corporación municipal de PontevedraMónica Patxot

Co grupo de traballo proposto polo PP, ironizou Vilaverde, "xa poderíamos mandar para casa a medio persoal da Policía Local, porque xa veñen Rafa Domínguez e Pepa Pardo a explicarlle á policía o que teñen que facer, como teñen que facelo e cando deben facelo".

"Xa está ben de tanta arrogancia", reivindicou a edil do BNG, que lamentou que o PP xere "bólas de neve" alí onde non goberna para "luxar e desprestixiar" aos executivos de esquerdas "porque non saben facer outra cousa" ao non ter "alternativa nin proxecto".

Eva Vilaverde reiterou que o Concello "xa ten comisións para falar disto", polo que pediu aos populares que deixen traballar "aos que saben" e que non poñan "máis paus nas rodas" aos profesionais que están a traballar para buscar solucións.

No debate, tras un malentendido con Iván Puentes, do que pensou que o acusaba de mentir, tamén participou brevemente o propio alcalde, que sostivo que cando fala de cuestións de seguridade "falo en serio sempre".

"Falar o que se queira, sempre. Demagoxia, non", afirmou Fernández Lores, que sinalou que se existen alternativas "viables e factibles" para que haxa "risco cero" neste tipo de incidentes, "estamos dispostos a poñelas en práctica".

Mentres tanto, sentenciou, o goberno municipal fará "todo o que propoñen" as forzas e corpos de seguridade do Estado e a Policía Local de Pontevedra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora