Tras a primeira toma de contacto co responsable de elaborar as contas municipais para 2026, o concelleiro Raimundo González, o portavoz do PP, Rafa Domínguez, esbozou algúns dos requisitos que deberán cumprir para recibir o respaldo dos populares.
Domínguez, que cualificou o encontro de "cordial", lamentou que non recibira aínda ningún documento que permita analizar as contas municipais que se pretenden aprobar para o próximo exercicio.
"Seguimos á espera de coñecer os orzamentos en detalle, algo imprescindible para poder valorar con seriedade as prioridades reais do BNG", sinalou o líder do PP pontevedrés.
O dirixente popular expresou a súa preocupación polo "escaso" investimento dos últimos anos en servizos sociais, unha área que considera claramente "infradotada" e que non responde ás necesidades actuais da capital de provincia.
Ademais, tamén demandou un reforzo orzamentario en materia de seguridade cidadá, con máis medios para a Policía Local e os bombeiros, así como unha mellora das condicións laborais dos traballadores municipais a través dunha negociación colectiva.
O líder da oposición asegurou que "todo apunta" a que os orzamentos municipais de 2026 serán "continuistas e afastados das prioridades que defende o Partido Popular".
Así, Rafa Domínguez indicou que para o seu partido estas contas deberían estar centradas en reforzar os servizos sociais, garantir a convivencia cidadá, apostar pola vivenda pública, o deporte local e os barrios e parroquias de todo o termo municipal.
"Tememos que o BNG volva desaproveitar a oportunidade de adaptar os orzamentos á realidade social de Pontevedra", sentenciou Domínguez, que avanzou que presentarán propostas que poñan ás persoas e aos servizos básicos "no centro da acción".