As negociacións entre o BNG e o PSOE para aprobar o orzamento municipal de 2026, tras unha serie de contactos informais previos, pasaron a unha nova fase. Ambos os partidos escenificaron este mércores a súa vontade de consenso.
Nun encontro que se celebrou en dependencias municipais, Raimundo González, Anabel Gulías e María Xosé Abilleira, pola parte nacionalista; e Iván Puentes, Yoya Blanco e Manuel Fariña, polos socialistas; deron o "pistoletazo de saída" a estas contas.
Así o destacou o primeiro deles, responsable da área de facenda, que reiterou que os orzamentos do próximo ano, que superará xa inicialmente os 100 millóns de euros, serán "moi positivos" para o conxunto dos pontevedreses.
"As negociacións están abertas", subliñou González, que destacou que a partir desta toma de contacto a partir de aquí, "iremos chegando a acordos concretos" que se incorporarán ao documento que se someta ao debate plenario.
Nesta reunión, segundo os seus protagonistas, sentáronse as bases dunha negociación que comezou revisando o grao de cumprimento do pacto alcanzado por ambas as partes para a aprobación dos orzamentos de 2025 e as sucesivas modificacións de crédito.
Iván Puentes asegurou que unha "boa parte" das cuestións acordadas xa están feitas e, nas que quedan por facer, analizáronse as causas desta situación e fixáronse "prazos e un itinerario" para que se poidan converter en realidade.
Este traballo previo, insistiu en portavoz socialista, era un "paso necesario" para poder acordar as contas de 2026, para as que BNG e PSOE seguirán traballando durante as próximas semanas para equilibrar a "visión" que ten cada partido.
"Coincidimos nuns puntos e diverxemos noutros", recoñeceu Puentes, que sinalou que será nestes últimos "nos que temos que discutir, poñernos de acordo e chegar a ese entendemento polo ben dos pontevedreses e pontevedresas".
Socialistas e nacionalistas están de acordo, ademais, en que estes contactos, tras este anuncio público das negociacións, deberán avanzar "coa mesma discreción" de anos anteriores.