Fronte aos municipios que, coa entrada da nova lei de residuos, decidiron subir o recibo que pagan os cidadáns pola súa recollida, Pontevedra non aplicará de cara a 2026 o coñecido como 'taxazo' do lixo.
Así o confirmou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que anunciou que o goberno municipal decidiu manter conxeladas todas as súas taxas e impostos. Farao por duodécimo ano consecutivo.
As vinte taxas e os cinco impostos que recada anualmente o Concello, por tanto, seguirán custando o mesmo que en 2015, ano no que subiron por última vez. Isto é posible, segundo Fernández Lores, pola "excelente" xestión económica do seu goberno.
O rexedor pontevedrés quixo ademais pór de manifesto o impacto que a conxelación da presión fiscal no municipio tivo sobre o peto dos cidadáns.
A decisión de non actualizar as taxas "nin sequera co IPC", sostivo Lores, permitiu que cada pontevedrés se vaia a aforrar en 2026 uns 176,22 euros, que tería que pagar se esta fiscalidade se incrementara co IPC destes doce anos, cifrada nun 28,58%.
Cada familia, calculando co índice de 2,09 membros por cada fogar que marca o Instituto Nacional de Estatística (INE), tería que pagar o próximo ano uns 368,30 euros se o Concello decidise cada ano desde entón subir as taxas e impostos.
Isto ten tamén un impacto sobre os ingresos regulares do Concello. Segundo o alcalde, as arcas municipais deixarán de recadar, segundo eses mesmos cálculos, case 15 millóns de euros -14.640.023 euros-, que pagarían os pontevedreses co IPC actualizado.
"O que pretendemos é que paguen todos os que teñan que pagar e non facer unha suba xeral de taxas e impostos", reiterou Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou que o executivo municipal opta por avanzar cara a unha maior "equidade fiscal".
Así, en 2026 continuará o traballo de actualizar os padróns fiscais ou detectar posibles fraudes, o que sumado ao dinamismo económico "a consecuencia do noso modelo urbano" e ao crecemento vexetativo da cidade permitirán aumentar os ingresos.
Esta xestión económica, segundo sentenciou Fernández Lores, "permítenos o luxo non só de non aumentar a presión fiscal senón mesmo reducila", ao non repercutir o IPC, e manter todos os servizos municipais "con dignidade".
LORES: "SOMOS UN GOBERNO SERIO"
Con respecto á negativa a aprobar o 'taxazo' do lixo, o alcalde defendeu que o de Pontevedra é un goberno "serio" que comparte a filosofía da nova lei de residuos, que fixa, entre outras cousas, que o recibo polos residuos debe cubrir o custo do servizo.
Pero Lores subliña que, para iso, "non se poden facer" subidas lineais a todos os cidadáns, como fixeron outros concellos, senón que hai que aplicar os custos "en base á produción", é dicir, que pague máis quen máis residuos xera.
"Neste momento non temos información suficiente para aplicar esa taxa con coherencia", reiterou o rexedor de Pontevedra, que engadiu que "cando a teñamos" aplicarán esa lei, subindo ou baixando o recibo en función do comportamento dos cidadáns.
Haberá, ademais, bonificacións a quen máis recicle, polo que Lores concluíu asegurando que cando esta normativa se poida aplicar "correctamente" suporá unha redución do recibo que se cobra pola xestión de residuos na maioría dos fogares pontevedreses.