Lores alza a voz ante a "discriminación" da Deputación cara a Pontevedra: "É unha cuestión de dignidade e de respecto"

Pontevedra
24 de outubro 2025
Actualizado: 15:53

O alcalde asegura que "síntome na obriga de defender os intereses de Pontevedra", despois de que en 2024 a capital fora o décimo concello na lista de transferencias da Deputación

Miguel Anxo Fernández Lores denuncia en rolda de prensa a "discriminación" da Deputación
Miguel Anxo Fernández Lores denuncia en rolda de prensa a "discriminación" da Deputación / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra tensa a corda coa Deputación ao sentirse discriminada nos investimentos da instituación provincial.

O alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, queixouse este venres publicamente tras enviarlle unha carta ao presidente da Deputación, Luís López, da "discriminación cara o Concello" que se desprenden das contas do organismo provincial, en concreto da liquidación do seu orzamento de 2024.

Neses orzamentos Pontevedra aparece como décimo concello en transferencias directas da Deputación con 2.500.000 euros de investimento.

Vigo encabeza a lista (7.600.000 euros), pero antes da capital aparecen municipios como Lalín (3.204.607 euros), Vilagarcía de Arousa (3.134.651), A Estrada (2.951.226), Tomiño (2.656.091), Sanxenxo (2.621.414), O Porriño (2.571.502), Moaña (2.533.072), Marín (2.530.893) e Ponteareas (2.520.432 euros).

"Nunca un concello con menos poboación pasou por riba de Pontevedra", afirma Lores defendendo que "non se trata dunha disputa partidista" posto que hai concellos de diferente cor na lista e que o status de segunda cidade da provincia mantívose "cando gobernaba Abeledo, co señor Louzán ou coa presidencia de Carmela Silva".

Asegura o alcalde que non é unha pelexa "por 100.000 euros máis", senón que se trata de "unha cuestión de dignidade e de respecto polo status que sempre tivo Pontevedra". Por ese motivo "síntome na obriga de defender os intereses de Pontevedra".

Non lle vale ademais contabilizar como investimento na cidade "gastos propios da Deputación" como supón o mantemento e funcionamento de instalacións que depende directamente dela como Príncipe Felipe ou o Museo.

Pese ao enfado Fernández Lores mostrou "a miña disposición para negociar unha solución e restaurar o equilibrio" e sinalou que "non é o meu estilo entrar en guerras entre administracións" polo que "a Deputación vai seguir contando coa colaboración do Concello" cando así o necesite.

O alcalde de Pontevedra avanzou ademais que "o ano 2025 vai ir pola mesma liña", e aínda que sen nomealo directamente sinalou cara ao vicepresidente provincial e portavoz local do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, ao criticitar "a falta de interese dos que teñen que defender a esta cidade e están na Deputación".