O anuncio de que a Deputación de Pontevedra aumentará a súa achega aos concellos, até os 128 millóns de euros en 2026 -deixando fóra dese incremento a Vigo e Pontevedra-, foi moi criticado polo alcalde desta última, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Que lle fixeron os pontevedreses a Luís López ou ao señor Domínguez para que discriminen sistematicamente á cidade de Pontevedra?", preguntouse Fernández Lores este martes.
Tras lembrar que hai varios municipios máis pequenos en poboación que Pontevedra, como Lalín Vilagarcía ou A Estrada, que reciben máis diñeiro que a cidade do Lérez, o rexedor pontevedrés subliñou que o convenio coa Deputación leva 'conxelado' dez anos.
Desde o goberno municipal reclamaron en varias ocasións que o executivo de Luís López elevase os 2,5 millóns de euros anuais que concede a Pontevedra, lembrou Lores.
A iso sumou que esta falta de investimento tampouco se "compensa" coa colaboración directa en eventos deportivos ou culturais, como os mundiais de tríatlon ou os Premios Feroz, "que trascenden a cidade de Pontevedra", segundo o alcalde.
Pontevedra, sostivo Miguel Anxo Fernández Lores, ten unha poboación que "triplica ou cuadriplica" a outros concellos que reciben máis financiamento da Deputación e non conta "como pasaba antes" con achegas a eses eventos que "sitúan" a toda a provincia.
O alcalde citou, en concreto, o "compromiso" de asinar un convenio de 300.000 euros para financiar os Premios Feroz 2026 e que "aínda non se produciu"; ou as Series Mundiais de tríatlon, onde "parece ser que van estar na mesma liña".
Así, asegurou que Pontevedra teme que a Deputación achegue uns 100.000 euros para un evento que, segundo os cálculos de Fernández Lores, superarán os 3 millóns e que terá unha repercusión "absolutamente impresionante" para toda a provincia.
"Parécenos que, obviamente, non é de recibo", afirmou o rexedor pontevedrés, que advertiu que o seu goberno "seguiremos insistindo" para acabar con esta "discriminación".