A renaturalización do Gafos é, segundo os expertos, o único caso en todo o Estado no que, actualmente, estea a destaparse a canle dun río que percorre gran parte do seu tramo urbano canalizado a través dunha tubaxe.
Por iso é polo que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo presumir desta intervención na inauguración do duodécimo congreso Cidades que Camiñan, que se celebrou este xoves en La Línea de la Concepción (Cádiz).
Fernández Lores, que acudiu no seu dobre papel como alcalde e como presidente desta rede de municipios, destacou que o 'destape' deseñado para o río Gafos "traerá o nivel de socialización que perdeu tras o seu ocultamento".
Durante a súa participación no congreso, o rexedor pontevedrés explicou aos presentes que o "enclaustrado" do río produciuse nos anos 70 e que a actuación prevista, que terá o parque de Campolongo como eixo central, permitirá retirar as placas que ocultan a súa canle.
Será un ecosistema natural que irá dotándose da súa propia biodiversidade tanto na zona propiamente inundable, na ribeira do río, como no paseo e o parque fluvial, incorporando catro zonas de estancia nun río que procede de Tomeza e acaba na ría.
Como presidente da rede, o alcalde de Pontevedra inaugurou este congreso acompañado do seu homólogo de La Línea, José Juan Franco; o ministro de Medio Ambiente de Xibraltar, Jonh Cortés; e a directora da DXT en Cádiz, Ana Calvo.
"Saber que reducindo a velocidade e calmando o tráfico salvamos vidas, o noso traballo consiste en reducir a velocidade e calmar o tráfico", afirmou Fernández Lores ante as 150 persoas, procedentes de todo o Estado, que asisten a este evento anual.
A este respecto, Lores animou a outros municipios a seguir o exemplo de Pontevedra coa convicción de que serán apoiados pola cidadanía porque, segundo destacou, "a xente é intelixente e valora os proxectos que melloran as súas vidas".