Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, visitaba nas últimas horas co concelleiro Pablo Fernández, o terreo alugado polo Concello de Pontevedra en 2015 á Comunidade de Montes da Canicouva.
Este espazo está previsto polo goberno local para construír a planta de tratamento de residuos orgánicos. Unha circunstancia que Domínguez considera que é "imposible" afirmando que "nin é o sitio adecuado nin reúne as condicións para que unha mini Sogama instálese aquí", facendo referencia á planta da empresa pública autonómica que se encarga da xestión do tratamento dos lixos.
Segundo expón, o terreo mostra dificultades técnicas para a localización con accesos que non están preparados e "son moi estreitos. Dixemos que terían que expropiar leiras e é evidente. Dous camións non caben tal e como están os accesos hoxe en día". Tamén afirma que será necesario reforzar o firme e asfaltar a vía. O portavoz da oposición lembra que está previsto que á planta acudisen trinta camións a diario portando máis de trinta toneladas de residuos.
Domínguez sinala que hai un elevado número de ciclistas e sendeiristas que utilizan as pistas desta contorna e lembrou que "a seguridade dos usuarios destes carreiros debe ser primordial e parécenos moi complicado asegurar os seus roteiros co tránsito de vehículos pesados".
Asegura que o Concello "non moveu un papel" para construír torres de alta tensión, que son necesarias para fornecer enerxía a unha canteira situada nas proximidades. Cre que as placas solares serían insuficientes para abastecer unha planta de triaxe como a que se proxecta na zona.
Por último, o representante do PP critica que, en sete anos, o Concello só se dedicase a pagar 20.000 euros anuais por estes terreos "nos que sabían e saben que non se vai a facer unha planta de compostaxe", conclúe Domínguez.