En xogo dous abonos que sortea o Concello de Portas para o festival PortAmérica

Umia
14 de abril 2026
Actualizado: 8:13

O prazo para participar nesta iniciativa a través das redes sociais municipais remata o vindeiro 28 de abril

Segunda xornada do PortAmérica 2025

O Concello de Portas habilitou un sorteo de dous abonos para asistir á edición de 2026 do festival PortAmérica.

Esta convocatoria, xestionada a través dos perfís oficiais de Instagram e Facebook do Concello de Portas, permite obter acceso para as tres xornadas do evento que terá lugar na Azucreira os días 9, 10 e 11 de xullo.

As bases para concorrer establecen que as persoas interesadas deben seguir as contas do Concello nestas plataformas, premer en "gústame" na publicación do sorteo e mencionar dúas amizades coas que se iría ao festival nos comentarios.

Existe tamén a opción de obter unha participación adicional ao compartir o contido nas historias persoais, enviando unha captura de pantalla no caso de contar con perfís privados.

A administración local indicou que non se terán en conta mencións a contas falsas ou de figuras públicas.

O período para participar concluirá o martes 28 de abril ás 00:00 horas.

O nome da persoa gañadora darase a coñecer o mércores 29 de abril a través das historias e do muro de Facebook municipal.

O cartel desta edición inclúe, ademais da presenza de chefs de categoría internacional no apartado gastronómico, as actuacións de artistas como Fillas de Cassandra, Amaia, Eliades Ochoa, Xoel López, Dani Martín, Hombres G, Rigoberta Bandini ou M-Clan, xunto a nomes como The Rapants, Grande Amore e Sanguijuelas del Guadiana, nunha programación que combina a oferta musical coa proposta gastronómica do evento.