Dous carrís da avenida de Bos Aires pecharanse ao tráfico durante a instalación do paso elevado na Ponte do Burgo

Pontevedra
16 de setembro 2019

Este luns 16 comeza a instalarse o novo paso elevado fronte á ponte que mantén o trazado do Camiño de Santiago. Ata o mércores un carril en cada dirección na avenida de Bos Aires quedará sen circulación

Á esquerda aparece como quedará a conexión entre a Ponte do Burgo e os achádegos arqueolóxicos
Á esquerda aparece como quedará a conexión entre a Ponte do Burgo e os achádegos arqueolóxicos

Este luns as obras da Ponte do Burgo entran nunha nova fase co inicio dos traballos na cabeceira sur, nas proximidades á rúa Valentín García Escudero, coa intención de trasladar o paso de peóns de forma que conecte a cabeceira da ponte coa praza na que se atopan os achados arqueolóxicos da ponte medieval.

Esta intervención obriga a que se peche un carril da avenida de Bos Aires en cada sentido entre o luns e o mércores. O peche comezará este luns ás 10.00 horas e o martes e o mércores iniciarase ás 09.00 horas.

Vaise crear un paso elevado de grandes dimensións coa idea de dar continuidade ao Camiño de Santiago, guiando aos peóns e peregrinos directamente á ponte do Burgo.

Esta semana o proxecto desenvolverase en todo o ámbito de actuación, segundo o goberno local de Pontevedra, ademais das obras na cabeceira sur tamén se executarán traballos na zona norte, no cruzamento con Domingo Fontán e Xoán Manuel Pintos. Alí está previsto crear unha praza de máis de 4.000 metros cadrados con baldosas de granito e máis de 40 árbores, mobiliario urbano e bancos. 

Na ponte está a instalarse o enlousado de pedra, cunha plataforma única de 11 metros de ancho. A iluminación será rasante marcando o Camiño de Santiago. Na varanda lateral tamén se instalará tamén iluminación.

A obra conta cun orzamento de 1.326.977 euros e a iluminación ascende a 730.840 euros. Os traballos abórdanse co cofinanciamento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).