As obras que se están desenvolvendo na ponte do Burgo por parte da UTE formada polas empresas pontevedresas E.C. Casas e API "están a funcionar realmente ben, estamos a cumprir prazos", valorou o concelleiro Demetrio Gómez.
O responsable de Obras no goberno local visitou este mércores a ponte do Burgo acompañado dos concelleiros Anabel Gulías e Xoaquín Moreda, responsables da xestión dos fondos EDUSI e da área de Urbanismo, respectivamente. Tamén asistiron o presidente da Fundación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores e a xerente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Mónica Tomé.
Xa se completou o enlousado en pedra do taboleiro da ponte, "un traballo de marquetería moi ben feito" que provocou o peche temporal ao tránsito peonil do histórico viaduto.
A partir do día 9 empeza a colocación da varanda que deixará a ponte preparada para que se poida instalar a nova iluminación.
"Iso quere dicir que imos co calendario previsto", sinalou Demetrio Gómez sobre unha reforma na que "imos ben de prazos", unha condición fundamental para poder dispoñer da axuda europea de case dous millóns de euros.
A obra ten que estar terminada por completo en febreiro do próximo ano, incluíndo a iluminación e os traballos na avenida de Domingo Fontán.
"Para nós o importante é que sexa peonil o Camiño desde que entras polo Gorgullón ata que saes pola ponte do Burgo", valorou Tino Lores.
Unha vez rematada esta reforma, quedarán pendentes a mellora da cabeceira sur da ponte do Burgo, na praza de Valentín García Escudero, "un problema moi complexo" segundo sinalou o concelleiro nacionalista. Igualmente, na cabeceira norte haberá que estudar que se fai coas casas abandonadas, a nave de piragüismo e o solar abandonado "pero imos partido a partido", chanceou Gómez Xunqueira.