Dous décimos do 86007, quinto premio da Lotería de Nadal, deixan un belisco en Xeve e Monte Porreiro

Pontevedra
22 de decembro 2023

Un dos décimos premiados vendeuse no Café Bar Casa Rey, de Santo André de Xeve. "Estamos convencidos de que o premio é para alguén da zona", asegurou a súa responsable Bea Ogando, "porque non estamos nun lugar de paso"

Celebración do quinto premio da Lotería de Nadal no Bar Casa Rey, en Xeve
Celebración do quinto premio da Lotería de Nadal no Bar Casa Rey, en Xeve / Cristina Saiz

Non foron millóns, pero menos dá unha pedra. O sorteo extraordinario da Lotería de Nadal deixou dous beliscos notables en Pontevedra. Foi grazas a un dos oito quintos premios, o que recaeu no número 86007.

Un dos décimos premiados vendeuse no Café Bar Casa Rey, de Santo André de Xeve. "Estamos convencidos de que o premio é para alguén da zona", asegurou a súa responsable Bea Ogando, "porque non estamos nun lugar de paso".

"Fainos moita ilusión dar este premio porque é o primeiro que damos no sorteo de Nadal", apuntou Ogando, que espera que isto anime a máis xente a xogar con décimos de máquina, como o que deu o premio en Xeve.

Os apostantes, segundo sinalou, "aínda son bastante reacios porque non ven o décimo", aínda que nos últimos días "veu coller lotería moita xente porque estaban sen ela". 

A Monte Porreiro viaxaron os outros 6.000 euros, tamén correspondentes a un único décimo deste quinto premio, que se despachou a través de máquina na tenda de Golosinas Valmayor, punto de venda de loterías situado na rúa Portugal.

Pero onde realmente trouxo sorte este 86007 foi en Bueu. Na Librería Abrente vendéronse dezaseis décimos deste quinto premio, polo que conseguiron repartir uns 96.000 euros.

Ademais, senllos décimos saíron do restaurante Hogar do Porto de Combarro, que despachou outro dos quintos premios, o 01568, e da administración número 1 de Moraña.