Dous hospitalizados menos por covid na área sanitaria, con 11 ingresados en planta e 7 pacientes na UCI

Pontevedra
18 de marzo 2021

Os casos activos de coronavirus na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sitúanse este xoves 18 de marzo nos 212, unha decena menos que a xornada anterior segundo reflicte a actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde ás 10.00 horas 

Realización de test PCR en Pontevedra Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén a súa tendencia á baixa en relación á afectación da covid, aínda que cun ritmo de baixada moito menor que en xornadas precedentes.

Segundo a actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde ás 10.00 horas deste xoves 18 de marzo, os casos activos na área pontevedresa sitúase nos 212, o que supón 10 menos que o mércores.

O nivel de contaxios estabilízase na contorna da decena, detectándose por segundo día consecutivo 11 novos positivos, aínda que esta cifra segue sendo inferior ás altas epidemiolóxicas, con 21.

O balance reflicte á súa vez unha caída nas hospitalizacións, con dúas persoas menos ingresadas. En total son 18, das que 11 atópanse en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (11) e o Hospital  do Salnés (1), mentres que na Unidade de Coidados Intensivos evolucionan 7 pacientes, sen cambios.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 12.213 persoas en Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 161 falecementos de pacientes con positivo activo.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico o número de casos activos de coronavirus é este xoves de 2.586, o que supón 72 menos que a xornada anterior.

En Galicia permanecen ingresadas nunha planta hospitalaria 214 persoas (21 menos) e 57 atópanse na UCI (unha menos). Os falecementos na comunidade son 2.310, tras sumar catro máis nas últimas 24 horas.