Dous investigados por condución temeraria por participar en carreiras ilegais no Campiño a fin de semana

Pontevedra
08 de outubro 2025
Actualizado: 8:47

A Garda Civil de Tráfico tivo coñecemento dos comportamentos a través de vídeos difundidos en redes sociais e medios de comunicación e localizou os condutores sospeitosos

Carreiras ilegais no polígono do Campiño
Carreiras ilegais no polígono do Campiño / Guardia Civil de Pontevedra

As carreiras ilegais de coches continúan no polígoo industrial do Campiño, entre os municipios de Pontevedra e Ponte Caldelas, e a Garda Civil de Tráfico non cesa no seu empeño por erradicalas.

A pasada fin de semana, centos de persoas volveron concentrarse na zona e algúns condutores aproveitaron para realizar comportamentos ao volante que supoñen graves infraccións.

Vídeos difundidos a través de redes sociais e medios comunicación permiten ver a concentración e tamén esas supostas irregularidades, con condutores realizando competicións e manobras constitutivas de infracción.

Nalgunhas desas imaxes, vese tamén a existencia dun accidente no que un coche choca contra un farol. Á beira do farol había persoas que puideron sufrir graves consecuencias.

Os axentes do subsector de Tráfico de Pontevedra tiveron coñecemento deste novo episodio de carreiras ilegais a través de imaxes difundidas en redes sociais e medios de comunicación e, tras abrir unha investigación, logrou localizar a dous dos implicados.

Lograron identificar dous condutores e a ambos comunicáronlles que están investigados como autores dun delito de condución temeraria, segundo puido confirmar PontevedraViva.

A investigación continúa en marcha para tentar localizar a todos os implicados neses comportamentos inadecuados.

As carreiras que se realizan desde hai anos no Campiño orixinaron nos últimos meses unha operación especial de Tráfico, a bautizada como operación Platillo, na que se formularon até 96 denuncias contra os condutores que participaron nestas carreiras ilegais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora