Dous meses para rematar cos problemas da rede de pluviais e do saneamento da Caeira

Poio
12 de xullo 2025

Oito empresas presentaron propostas para acometer as obras de humanización da PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós, que teñen un orzamento de licitación de 1,7 millóns de euros

Zona da Caeira, Poio Mónica Patxot

A empresa EC Casas será a encargada de executar as obras para renovar o saneamento e pluviais na Caeira.

O proxecto permitirá dar unha nova vida a unha rede que, na actualidade, está ao final da súa vida útil, provocando avarías e roturas e ocasionando problemas de inundación nas pistas de tenis e mesmo en vivendas.

Parte da rede transcorre a través das pistas de tenis e os colectores están situados en parcelas privadas nas que, con posterioridade, se foron construíndo edificios. Por iso é polo que non é posible ter acceso para realizar ningunha actuación.

O contrato adxudicouse por un importe de 72.026,00 euros e o prazo de execución das obras é de dous meses.

A actuación será financiada pola entidade Zoe Home, que está construíndo na actualidade 27 vivendas unifamiliares pareadas e adosadas nas rúas Illa de Ons e Illa de San Simón, en Boa Vista.

Dentro desta promoción, tiña proxectado executar a conexión á rede de pluviais e saneamento mediante pozos de bombeo ata a rede existente na rúa Illa de Tambo.

O Concello de Poio, Zoe Home e Inmobiliaria Club de Tenis asinaron un convenio para executar as obras para mellorar o trazado e as redes de pluviais e saneamento.

A través deste convenio entre tres partes, aproveitarán os pozos de bombeo que xa tiña proxectados Zoe Home para anular os colectores actuais e, de paso, modificar tamén o trazado das redes de pluviais e saneamento para que transcorran polos viais públicos e non a través das vivendas.

A mellora ofrecerá unha solución non só para as novas vivendas en construción, senón que ademais dará resposta a unha problemática existente en toda esta zona.

HUMANIZACIÓIN DA BARCA

O Concello de Poio tamén ten en marcha o proceso para licitar as obras de humanización da PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós.

Segundo a información facilitada polo Concello de Poio, oito empresas presentaron as súas propostas.

Esta é a primeira fase da humanización, que ten un orzamento de licitación de 1,7 millóns de euros.

A actuación execútase a través dun convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia para transformar unha das entradas ao municipio.

As obras comezarán a executarse a partir do paso de La Vuelta por Poio, no mes de setembro, e prolongaranse aproximadamente durante un ano.