Dous novos lombos para Eduardo Pondal e redutores de velocidade para a avenida de Vigo

Pontevedra
04 de outubro 2016

Máis de 80 quilómetros por hora. Son as velocidades que a Policía Local detectou en varios "puntos negros" do viario da cidade como a avenida de Vigo e Eduardo Pondal. E por iso será aí onde o Concello de Pontevedra inicie esta mesma semana a instalación de novos pasos de peóns elevados e redutores de velocidade

Paso de peóns na rúa Eduardo Pondal PontevedraViva

Máis de 80 quilómetros por hora. Son as velocidades que a Policía Local detectou en varios "puntos negros" do viario da cidade como a avenida de Vigo e Eduardo Pondal. E por iso será aí onde o Concello de Pontevedra inicie esta mesma semana a instalación de novos pasos de peóns elevados e redutores de velocidade.

A intervención comezará pola rúa Alcalde Hevia con San Pedro Alcántara, onde está previsto a instalación dun paso de peóns elevado. E unha vez que remate, a empresa adxudicataria destes traballos (Ediserpo) continuará pola avenida de Vigo e Eduardo Pondal.

Na avenida de Vigo instalaranse redutores de velocidade no tramo entre San Pedro Alcántara e a rotonda con Fernández Ladreda, en concreto na entrada ao instituto Frei Martín Sarmiento e fronte á residencia de estudiantes.

Tamén está previsto a instalación de dous pasos de peóns elevados na rúa Eduardo Pondal, no tramo entre a rotonda de Uxío Novoneira e a ponte da avenida de Vigo. Elevaranse os dous pasos de peóns da rúa.

Estas actuacións completan a xa iniciada na rúa Loureiro Crespo, onde se instalaron redutores de velocidade no tramo entre Doce de novembro e a avenida de Lugo, e a que está prevista realizar na avenida de Bos Aires, no tramo entre as pontes de Santiago e dos Tirantes para dar maior seguridade á zona na que se atopa o CEIP Manuel Vidal Portela.