Dous 'proxectos piloto' no mercado e a Praza de España, punto de partida da rede de aseos inclusivos

Pontevedra
22 de outubro 2025
Actualizado: 01 de abril 2026

As dúas localizacións elixidas, en colaboración coa asociación ASSEII, permitirán ademais "optimizar ao máximo" os gastos de mantemento e garantir o acceso aos seus usuarios

O Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra estrea un aseo adaptado para pacientes ostomizados Mónica Patxot

Pontevedra pon en marcha unha rede de aseos inclusivos. Será, de maneira inicial, con dous espazos: un no mercado de abastos e outro no aparcadoiro da Praza de España.

O goberno municipal optou por aproveitar equipamentos xa existentes na cidade para que sirvan como "proxectos piloto" para testar a eficacia deste servizo, que será gratuíto pero de "acceso controlado".

A edil responsable da área de benestar social, Anabel Gulías, explicou que as dúas localizacións elixidas, en colaboración coa asociación ASSEII, permitirán ademais "optimizar ao máximo" os gastos de mantemento e garantir o acceso aos seus usuarios.

O aseo do mercado será "ambicioso", indicou Gulías, para que ofreza unha contorna "limpa e segura" para persoas con calquera discapacidade ou diversidade funcional.

Estará na primeira planta, xunto aos aseos femininos, e terá un espazo de 4,80 por 2,70 metros. Incluirá un aseo específico deseñado para persoas ostomizadas, un lavabo e un inodoro, unha ducha con asento e unha padiola como cambiador que contará cun sistema de guindastre.

Anabel Gulías presenta, xunto a Ángela Paz e Anxo Silva, a rede de aseos inclusivosConcello de Pontevedra

O proxecto tamén contempla un cambio de pavimentos, o reforzo da iluminación e a colocación dun espello na parte frontal e outro convencional no lavabo.

O deseño deste aseo é da arquitecta municipal Rosa Magdalena quen, segundo a concelleira, foi a primeira persoa en deseñar un aseo para persoas en todo o Estado español, o que "dá garantías de que vai a ser un éxito".

O custo desta obra está estimado nuns 45.000 euros.

Nunha segunda fase, está previsto reformular o espazo de vestiarios e as taquillas das praceiras do mercado para facelos máis confortables e incluír unha ducha.

O segundo aseo, pola súa banda, crearase grazas ao acordo con Telpark, a concesionaria do aparcadoiro da Praza de España, que cederá o espazo para que o Concello o constrúa e, posteriormente, controlará os accesos e o seu mantemento.

Como aquí o espazo dispoñible "é máis reducido", neste caso instalarase tan só un inodoro e un dispositivo para persoas ostomizadas. Ademais, ampliaranse os accesos, reforzarase a iluminación e cambiaranse as portas para que accedan usuarios con mobilidade reducida.

O orzamento para esta intervención é de aproximadamente 15.000 euros.

Anabel Gulías agradeceu a sensibilidade de Telpark e indicou que, se estes dous pilotos funcionan ben, poderíanse explorar acordos co resto das concesionarias de estacionamentos da cidade para desenvolver un mapa máis ambicioso.

"Isto é de todos, é un ben común que temos que coidar", sinalou a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, que fixo un chamamento para coidar e manter "entre todos" estes aseos nas mellores condicións posibles en todo momento.