Esta fin de semana instalaranse dous 'puntos lila' con motivo da celebración do Festival Armadiña Rock en Combarro. A concelleira responsable da área de Iguladade, Silvia Díaz, indica que esta iniciativa xa se puxo en marcha con motivo das Festas de San Xoán, obtendo unha boa acollida, e forma parte da campaña 'Festas de Poio Seguras'.
As casetas dos puntos lila estarán en funcionamento durante as tardes noites do venres e do sábado. Na Seca, nas proximidades da zona de acampada na parroquia de San Xoán, permanecerá aberta entre as 19.00 e as 22.00 horas; mentres que na Praza da Chousa en Combarro se manterá operativa entre as 22.00 e as 02.00 horas.
Aquelas persoas asistentes ao festival poden achegarse a este servizo para recibir asesoramento para previr comportamentos machistas. Tamén se atenderá a aquelas mulleres que sexan vítimas ou presenciasen unha agresión machista. Está previsto que se distribúan folletos de sensibilización e pulseiras reflectoras co lema das Festas de Poio Seguras.
O material que se distribúe conta cun código QR que, a través de dispositivos móbiles, permite acceder a un espazo habilitado na páxina web do Concello de Poio cun decálogo de identificación e actuación ante estes comportamentos sexistas, entre outras informacións de interese.
A concelleira Silvia Díaz convida as persoas, tanto mulleres como homes, que acudan ao Festival Armadiña Rock a achegarse por estes puntos lila para resolver calquera dúbida que lles xurda.
Ao longo das Festas de San Xoán, cando entrou en funcionamento esta proposta, máis de medio milleiro de persoas, de distintas idades, foron asesoradas polo persoal deste servizo, sen que se rexistrasen incidentes durante estas celebracións multitudinarias.