Dous 'Puntos Lilas' ofrecerán seguridade durante o Armadiña Rock

Poio
20 de xullo 2024

Aínda que o festival dará comezo o venres 26 de xullo, será o sábado, día que se espera maior afluencia ao festival, cando se instalen estes puntos na Seca e en Combarro. No primeiro caso, estará na zona de acampada, entre as 20.00 e as 23.00 horas, e no segundo, na zona de concertos na Praza da Chousa, entre as 22.00 e as 3.00 horas  

Reunión de seguridade para o Armadiña Rock
Reunión de seguridade para o Armadiña Rock / Concello de Poio

Con motivo da celebración do Armadiña Rock en Combarro, o Concello de Poio instalará dous 'Puntos Lilas' para concienciar e previr a violencia machista e favorecer que o festival sexa seguro.

Esta semana o alcalde, Ángel Moldes; as concelleiras de Seguridade Cidadá, Maritxe González, e de Cultura, Natalia Sabarís; o edil de Festexos, Fran da Silva; representantes da Policía Local, Protección Civil e da Garda Civil, así como membros da organización do Armadiña  mantiveron unha reunión de coordinación do dispositivo especial deseñado para que toda a actividade se desenvolva con total normalidade.

Aínda que o festival dará comezo o venres 26 de xullo, será o sábado, día que se espera maior afluencia ao festival, cando se instalen estes puntos na Seca e en Combarro. No primeiro caso, estará na zona de acampada, entre as 20.00 e as 23.00 horas, e no segundo, na zona de concertos na Praza da Chousa, entre as 22.00 e as 3.00 horas.

Moldes, sinalou que "as festas e os concertos musicais deben ser espazos de convivencia", apelando á responsabilidade e ao respecto porque todas as persoas "teñen dereito a disfrutar sen sentirse acosadas, violentadas, intimidades ou agredidas".

Estes puntos son "fundamentais" para ofrecer espazos seguros nos que apoiar e atender ás vítimas en caso de agresión, por iso desde o goberno local recordan a todas as mulleres a importancia de denunciar e achegarse ao 'Punto Lila', que estará atendido por dúas técnicas en igualdade, ou a calquera dos membros de seguridade para pedir axuda. En caso de que sexa necesario activarase o protocolo policial de intervención por violencias sexuais do Concello de Poio.

Durante a reunión tamén organizaron o acceso á campada na Reiboa, que vai estar sinalizada e delimitada, así como os aparcamentos disuasorios para facilitar o acceso ao festival. Ademais, as forzas de seguridade, tanto a Policía Local de Poio, como a Garda Civil e a seguridade privada estarán coordinadas e presentes en toda a actividade.