Dous videomarcadores LED completarán a renovación tecnolóxica do Municipal

Pontevedra
31 de outubro 2022

O Pavillón Municipal renovará moi pronto o seu vello marcador electrónico. Será coa súa substitución por dous videomarcadores de tecnoloxía LED que se situarán en ambos extremos do recinto deportivo. Nesta actuación, o Concello investirá case 200.000 euros. O prazo de execución do contrato sería de oito semanas desde a súa adxudicación

XXIV Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo no Pavillón Municipal dos Deportes
XXIV Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo no Pavillón Municipal dos Deportes / Cristina Saiz

O Pavillón Municipal renovará moi pronto o seu vello marcador electrónico. Será coa súa substitución por dous videomarcadores de tecnoloxía LED que se situarán en ambos extremos do recinto deportivo. Nesta actuación, o Concello investirá case 200.000 euros.

O prazo de execución do contrato sería de oito semanas desde a súa adxudicación, a expensas de que non se produzan atrasos polos problemas de subministracións dos materiais.

Estes dous videomarcadores serán complementados, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, por outras dúas pantallas LED perimetrais.

Todo este material electrónico e tecnolóxico permitirá que o pavillón poida seguir acollendo eventos deportivos de carácter nacional e internacional.

OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO

Na xuntanza semanal do goberno municipal, aprobouse ademais o inicio do expediente de contratación para o seguro de accidente colectivo do persoal de Concello. Sae a licitación por un ano e unha contía de 18.400 euros, segundo informou Anabel Gulías.

Ademais, o executivo local autorizou a sinatura do convenio de colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) para reforzar a programación cultural da cidade, valorado en 34.000 euros e dos que o organismo autonómico achega case 14.000 euros.

Dentro dos proxectos presentados aos fondos europeos Next Generation, o Concello comezou os trámites para mellorar o centro de proceso de datos (CPD) e renovar a rede electrónica municipal, actuacións pensadas para darlle máis seguridade á administración electrónica.

Entre ambas iniciativas investiranse algo máis de 182.000 euros e as empresas que se adxudiquen estes contratos terán catro meses para entregar o material e instalalo.