Douscentos socorristas vixiarán as praias da ría de Pontevedra este verán

Pontevedra
20 de xuño 2019
Actualizado: 21 de xuño

Os vixiantes xa traballan no Concello de Sanxenxo e o desembarco no resto de praias agárdase para a última fin de semana do mes de xuño

Probas de selección de socorristas en Sanxenxo
Probas de selección de socorristas en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O tempo aínda non acompaña pero o verán está ao virar a esquina e os concellos da ría afánanse para ter a punto todos os servizos das súas praias antes da chegada dos bañistas. Un dos principais retos que deben afrontar os gobernos municipais cada ano é a contratación de socorristas, unha misión cada vez máis complicada pola falta de profesionais que moitas veces atrasa o peche dos planteis.

Esta tempada os areais da ría contarán coa presenza de douscentos vixiantes que se repartirán pola costa de Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu e Cangas. A maior parte dos socorristas desembarcarán nos areais na última fin de semana de xuño, pero nalgunhas praias xa están a prestar servizo.

É o caso de Sanxenxo, no que o servizo de salvamento xa está en funcionamento, aínda que a maior parte do continxente despregarase a finais de mes. A vila turística contará co maior número de socorristas de toda a ría. Para este verán teñen contratados a un total de 70 vixiantes. A próxima fin de semana comezarán a patrullar nove das praias máis concorridas do municipio e o resto incorporaranse unha semana máis tarde para velar pola seguridade das 14 praias nas que ondearán este verán a bandeira azul.

O veciño concello de Poio ten tamén feitos os deberes de contratación de seis vixiantes, pero a súa chegada ás praias non se espera ata o 1 de xullo. O servizo de salvamento prestarase nas praias de  Cabeceira, a única con bandeira azul do municipio, e en Covelo durante os tres próximos meses.

Na beira oposta da ría, Marín aínda non ten pechada o persoal de vixiantes. Precisan 21 vixiantes, pero nas probas de selección da pasada semana só pecharon a contratación de oito. Para os 13 restantes prevén realizar un novo exame a próxima semana co obxectivo de ter completa o persoal para o 28 de xuño, data na que está previsto o inicio do servizo nas principais praias do municipio. Nunha etapa máis avanzada do proceso atópanse en Bueu, onde xa realizaron todas as probas de selección dos 13 vixiantes que necesitan e confían en que todo o persoal estea operativa para comezar a tempada o 1 de xullo.

No Concello de Pontevedra tamén teñen pechada a contratación de tres socorristas que velarán pola seguridade dos bañistas na praia fluvial do Lérez. En Ponte Caldelas, na praia da Calzada, os tres socorristas previstos para atender este espazo fluvial levan operativos desde o 15 de xuño.

Unha das zonas favoritas dos bañistas e turistas son as praias da ría de Aldán, en Cangas. Neste municipio teñen pechado xa a todo o persoal de vixiantes, que este ano se compón de 28 traballadores que patrullarán os areais por terra e mar.