Dragados asina o contrato para realizar a obra de ampliación do hospital do Salnés

O Salnés
08 de xaneiro 2015

Por un importe de máis de 7,7 millóns de euros. A primeira fase da obra contempla a construción dun novo edificio que dotará ao centro dun novo servizo de urxencias

Sinatura do contrato de ampliación do Hospital do Salnés
Sinatura do contrato de ampliación do Hospital do Salnés / Xunta de Galicia

A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Lourdes Vilachán Angueira, e o representante da empresa Dragados, Pablo Fernández Fernández, asinaron este xoves no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, o contrato para a obra de ampliación do Hospital Comarcal do Salnés, cofinanciado polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, por un importe de 7.780.149 euros.

As obras de ampliación e reforma suporán a construción dunha nova infraestrutura que afectará a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de 4.157 metros cadrados -dos cales uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma- e permitirán aplicar os avances das novas tecnoloxías sanitarias ao novo bloque cirúrxico, á nova área de urxencias e ao bloque obstétrico.

Como primeira fase, construirase un edificio adicional, que dotará ao hospital dun novo servizo de urxencias que duplica a capacidade de triaxe, observación e atención aos pacientes e disporá por primeira vez dunha zona específica de urxencias pediátricas. Ademais, contará cun bloque obstétrico con dúas salas polivalentes, dúas unidades de tratamento, parto e recuperación (UTPR), una consulta e una sala de reanimación de recen nados.

O novo bloque cirúrxico forma parte da segunda fase da ampliación do Hospital do Salnés, e disporá de cinco quirófanos, área de CMA (Cirurxía Maior Ambulatoria) e o apoio ao bloque cirúrxico.

A terceira e derradeira fase da ampliación inclúe a unidade de coidados postcirúrxicos, con nove camas de despertar, nove postos sillón de reintegración ao medio e dous boxes de aislables e coidados postanestesia. Ademais, tamén inclúe un novo Hospital de Día, con dez boxes.