Dúas citas sacan á rúa ao feminismo pontevedrés o 8M

Pontevedra
07 de marzo 2023
Actualizado: 10:44

Ás 12.00 horas unha manifestación convocada pola CIG sairá do local sindical da rúa Pasantería. Ás 20.00 horas, outra organizada pola Marcha Mundial das Mulleres sairá da praza de Ourense. O centro social A Pedreira convoca ás 18.00 horas unha merenda feminista   

Manifestación do Día da Muller en 2022
Manifestación do Día da Muller en 2022 / Mónica Patxot

As mobilizacións na rúa regresan a Pontevedra este mércores 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller. Como xa sucedeu nos últimos anos, será con dúas citas reivindicativas en horario de mañá e tarde, ás 12.00 diante do local sindical da rúa Pasantería e ás 20.00 horas na praza de Ourense

Esas serán as citas principais e, como complementaria, o centro social A Pedreira convoca ás 18.00 horas unha merenda feminista no seu local da rúa Serra

A cita das 20.00 horas está convocada pola Marcha Mundial das Mulleres e ten saída na praza de Ourense e remate na praza da Ferrería. Conta, ademais, co apoio do resto de colectivos feministas da cidade de Pontevedra, aínda que este é o primeiro ano no que o 8M non o organiza ningún colectivo da cidade, senón unha entidade de ámbito galego. A Marcha Mundial ten, iso si, asociacións pontevedresas adheridas como CIG, Galiza Nova ou Comando Mazá, de maneira que a cita si ten ADN pontevedrés. 

O Colectivo Feminista de Pontevedra quixo aclarar que non estará na faixa principal da manifestación, pero si que acudirá e apoiará a mobilización. Non pertencen á organización da marcha, pero sinalan que "pese a isto, si asistiremos porque o 8 de marzo é de todas".

De feito, animan a asistir á merenda previa "para xuntarnos previamente antes da mani" e fan un chamamento a todas aquelas mulleres que non queren ir soas á manifestación a que acudan a esta cita previa para acudir en grupo.

Pola mañá, ás 12.00 horas, a mobilización está convocada pola CIG. Sairá desde o Edificio Sindical e finalizará na Praza da Peregrina.

Baixo o lema 'A crise non a imos pagar as traballadoras', a central sindical organiza 12 manifestacións en Galicia co obxectivo denunciar a situación de precariedade laboral que están a sufrir as mulleres nun contexto de crise económica.

As manifestacións susténtanse por oito razóns. A primeira focalízase na reforma laboral implantada polo PSOE e Unidas Podemos, que afecta os contratos fixos descontinuos, prexudica as mulleres porque "os sectores nos que se implantou son sectores mais feminizados: as conservas, os servizos, a hostalería".

O segundo punto é a fenda salarial. A terceira razón é a carestía da vida. O cuarto punto son os recortes nos servizos públicos. A quinta razón é o desemprego e a precariedade. O sexto punto é a precariedade laboral. O sétimo punto é a regulación das empregadas do fogar. A oitava razón é a reforma das pensións. 

Ademais, a unión comarcal de CC.OO. de Pontevedra convoca unha manifestación que sairá as 11.15 da rúa Pasantería e rematará diante do Hospital Provincial. Reivindica a igualdade real nos centros de traballo, na que a negociación e, aplicación posterior, dos convenios colectivos xoga un papel fundamental.

Este sindicato rematará a manifestación diante do Hospital Provincial para denunciar o "contido antifeminista" do convenio colectivo de Acciona do complexo hospitalario de Pontevedra, no que denuncian que as cuestións relativas a igualdade foron "esquecidas" na negociación do mesmo, polos sindicatos asinantes: CIG e UGT.