Dúas estudantes de Esdemga, premiadas polo seu proxecto 'Maruxa' en Camariñas

Pontevedra
02 de abril 2018

Silvia Marra e Noemí Vidal recolleron o segundo premio de deseñadores noveis na XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas. O seu proxecto fusiona a tradición e a contemporaneidade utilizando o encaixe e o liño para a súa confección  

Colección 'Maruxa', premiada na XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas.
Colección 'Maruxa', premiada na XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas. / Universidade de Vigo

O nome 'Maruxa' forma parte do imaxinario colectivo galego. É a personificación dun estereotipo e un personaxe singular que xa poderiamos entender por marca. Así o explican as alumnas dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) Silvia Marra e Noemí Vidal. Xuntas desenvolveron o proxecto 'Maruxa', gañador do segundo premio de 1.200 euros no certame de novos deseñadores da XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas.

Os catro estilismos das estudantes foron presentados no evento que se desenvolveu do mércores 28 de marzo ao domingo 1 de abril no Recinto Feiral de Camariñas. A condición indispensable para presentarse ao XXV Concurso de Novos Deseñadores de Moda, como relata o Diario da Universidade de Vigo (Duvi), era incorporar aos deseños o encaixe no que se centra a mostra. 

A tradición e a contemporaneidade fusiónanse na colección, que ademais de empregar o encaixe de Camariñas, incorpora un liño galego elaborado no municipio de Vimianzo, na Coruña. Esa elección de materiais, xunto á confección pormenorizada, trata de transmitir que o persoal, como explica Marra, "é posible a través dun quebracabezas no que dialogan o que creas e o que delegas". Como consecuencia, nace o microrrelato feito moda, que fala sobre Maruxa, unha muller moderna, independentemente do tempo que lle tocou vivir

Ese galardón súmase ao xa recollido a anterior edición por outra alumna de Esdemga, Teresa Búa, gañadora do primeiro premio coa súa colección 'Verde, súper verde', elaborada xunto con María Vázquez, da escola Mestre Mateo de Santiago.