A exposición itinerante da estratexia 'Pontevedra Flúe' instalada na ponte do Burgo leva dúas fins de semana seguidas sufrindo actos vandálicos.
A pasada semana, na noite do 28 de xaneiro, unha das pezas foi lanzada ao río Lérez xunto co seu peso interno de fixación. Este domingo, varias das columnas de cubos que conforman a mostra apareceron golpeadas e derrubadas.
O concelleiro responsable da exposición, Iván Puentes explica que estes actos vandálicos contra o patrimonio municipal xa foron postos en coñecemento da Policía Local "para que se poida identificar aos autores, esixirlles a responsabilidade penal pertinente e reclamarlles os custos dos danos causados".
Ademais, no caso dos actos da semana pasada, a Policía Local e os Bombeiros tiveron que poñer en marcha un operativo para poder rescatar a peza do Lérez.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural considera que os dous actos "semellan ter mesmo un carácter orquestrado", ao producirse en datas moi próximas e contra un obxectivo moi concreto.
O tamén voceiro do PSOE local lembra que estes actos vandálicos chegan tan só unhas semanas despois de que "os vándalos se cebasen con inquina e rabia contra o decorado de Nadal" instalado no mercado de abastos.
A exposición está na ponte do Burgo desde o mes de outubro. Está composta por 82 paneis dispostos en 20 cubos nos que se exhiben 75 fotografías actuais, 34 históricas, 28 renders, 12 planos explicativos e 2 montaxes fotográficas, nas que se resumen unha vintena de actuacións que suman máis de 20 millóns de euros para acadar a transformación dos ríos e espazos naturais e que conforman o principal posicionamento de Pontevedra para captar os fondos europeos que durante os vindeiros anos se investirán en España.
O portavoz do PSOE avanza a súa intención de que a mostra se traslade pronto ao centro da cidade, en concreto ao Paseo de Antonio Odriozola, na contorna da praza da Ferrería, para que estes proxectos continúen a darse a coñecer entre toda a cidadanía de Pontevedra.