Dúas mulleres loitadoras imperan no muro da rúa Eduardo Pondal

Pontevedra
16 de abril 2022

A artista Nana, Diana Rodeiro, finalizaba este sábado os traballos no mural, que mantén a estética da cartelería do 8M. Yoya Blanco, concelleira de Igualdade, promotora da iniciativa, quere que permaneza perenne neste espazo para simbolizar a loita das mulleres polos seus dereitos

Imaxe de dúas mulleres loitadoras no mural elaborado por Nana
Imaxe de dúas mulleres loitadoras no mural elaborado por Nana / Concello de Pontevedra

O muro que se atopaba degradado en Eduardo Pondal xa mostra colorido e un espírito de reivindicación feminista. A artista gráfica Nana, Diana Rodeiro, finalizaba este sábado a creación, que mantén dúas das figuras da campaña impulsada con motivo da celebración do 8 de marzo polo Concello de Pontevedra.

Co lema 'Terra de mulleres, tempo de mulleres, a creadora en colaboración con Culebra Studio desenvolvía este traballo coa idea de reflectir que as mulleres son válidas para todo e manteñen unha loita diaria para que se lles respecte ao mesmo tempo que para obter as mesmas condicións laborais e sociais que os homes. 

Esta creadora galega leva case dúas décadas realizando grafitis de similares características como Vigo, Lisboa, Carballo, Barcelona, Santiago ou en Ordes, de onde é natural. Nana formouse na Escola de Artes Superior de Deseño Pablo Picasso.

Yoya Blanco, concelleira de Igualdade, indicou que a idea do mural é que se converta en perenne neste espazo para dar visibilidade á muller tanto para peóns como condutores que circulen pola zona. Considera que a loita pola igualdade é diaria, os 365 días ao ano.