Dúas mulleres, procedentes da residencia Soremay, falecen nas últimas horas en Pontevedra por covid-19

Pontevedra
09 de decembro 2020

Trátase dunha muller de 85 anos que falecía no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e outra muller de 92 anos que perdía a vida no Hospital Montecelo, do Complexo Hospitalairo Universitario de Pontevedra. As dúas vítimas contaban cun cadro clínico con patoloxías previas. O número de mortes por covid na área sanitaria ascenda a 67

Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Diego Torrado

Este mércores 9 de decembro volvía rexistrarse outro dato preocupante con novas mortes, neste caso procedentes da Residencia Soremay, nos hospitais de Pontevedra. Dúas persoas perdían a vida por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra, unha muller de 85 anos no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e outra de 92 anos de idade, no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Con estas xa son tres as vítimas de persoas usuarias da Residencia Soremay en Pontevedra, un centro no que hai 42 residentes afectados pola enfermidade, un máis rexistrado nesta xornada, e 20 traballadores, segundo os últimos datos facilitados por diversas fontes.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés cuantifícanse xa 67 falecementos por culpa do coronavirus desde que se iniciaba a pandemia.

A estas dúas mortes en Pontevedra hai que sumar outras catro en Galicia que se producían durante as últimas horas. Tres destas perdas rexistrábanse no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Trátase dun home de 77 anos, unha muller de 100 anos e outro home de 86, que falecían en leste mesmo centro hospitalario, as dúas últimas procedentes da Residencia San Antonio de Beariz. Por último nesta xornada tamén falecía un home de 88 anos no seu domicilio situado na área sanitaria de Ferrol (As Pontes). 

As seis vítimas diagnosticadas por corornavirus rexistradas este mércores en Galicia contaban cun cadro clínico no que figuraban patoloxías previas, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade.

Con estas seis mortes o número de falecidos na pandemia por covid-19 en Galicia sitúase en 1.287 persoas, 228 en residencias e 319 en centros hospitalarios ou residencias integradas.