As novas liñas de autobus de Poio estarán dispoñibles a partir do 3 de agosto, tal e como confirmaron desde a Xunta de Galicia.
A posta en marcha deste servizo permitirá conectar diversos puntos do municipio e ofrecer durante todo o ano un servizo de ida e outro de volta de luns a venres, en días non festivos.
A primeira ruta sairá da Barca ás 9:20 horas e percorrerá Ferreirós, Beiro, Anafáns, Lourido, Campelo, O Casal, Os Canos, Vilariño, O Sartal, Arís, A Ucha, San Martiño, Fontenla e o Mosteiro de Poio.
Así mesmo, haberá outra ruta en sentido inverso partindo ás 12:00 do mosteiro.
Nos meses de setembro e xuño, a ida atrasarase ás 9:40 e a volta ás 12:40 horas.
Pola súa banda, a segunda liña facilitará a mobilidade entre a parada Alto Dorrón (na parroquia de Samieira) e tamén o Mosteiro de San Xoán de Poio.
Neste caso, o autobús dará servizo a O Pumar, A Publicada, Canturiño, igrexa de Samieira, Camiño Real de Chancelas, Travesía de Cidrás, Xuviño, O Esperón, O Pereiro, Casalvito, Combarro, A Pinela e A Santiña.
Nos meses de xullo e agosto a saída está programada ás 10:10 desde Alto Dorrón e outro de volta ás 12:50 horas.
Entre setembro e xuño a saída atrásase ás 10:30 e ás 13:30 horas.
O convenio asinado entre Xunta de Galicia e Concello de Poio manterá a súa vixencia durante catro anos e poderá ser obxecto de prórroga por un período máximo adicional doutros catro anos.
O goberno local asumirá a responsabilidade do financiamento do servizo de interese municipal (SIMU) con ao redor de 69.000 euros.
Esta prestación contará coas tarifas de desconto da rede galega de transporte público.
Entre elas inclúese a gratuidade de até 60 viaxes mensuais para as persoas menores de 21 anos mediante o uso da Tarxeta Xente Nova, así como a mesma bonificación para as persoas maiores de 65 anos a través da Tarxeta da Mobilidade de Galicia, coa aplicación da tarifa +65.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.