Unha muller de 91 anos e un home de 92 perdían a vida este domingo no Hospital Montecelo de Pontevedra. Ambos foran diagnosticados con coronavirus e contaban con patoloxías previas nos seus historiais médicos, segundo informa a Consellería de Sanidade este luns 23 de agosto.
Con estes dous novos falecementos, a área sanitaria de Pontevedra - O Salnés alcanza os 197 decesos motivados por esta pandemia desde que se rexistran as mortes como consecuencia desta enfermidade.
Durante ese mesmo período curáronse 19.820 persoas de covid-19, 103 máis que na xornada do domingo, segundo os datos que remite a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Saúde Pública confirmaba este luns outras catro mortes con coronavirus que se rexistraron durante a fin de semana en Galicia. Aos homes falecidos en Pontevedra engádese outra vítima durante o domingo, un home de 73 anos, que morría no Complexo Hospital da Coruña.
O sábado 21 falecían outras dúas persoas na provincia: un home de 71 anos en Povisa, que procedía do Hospital e Clínica San Rafael de Vigo e outro home, de 83 anos, que perdía a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro. A eles sumábase unha muller de 89 anos que falecía no Hospital Lucus Augusti de Lugo. Todas as vítimas contaban con patoloxías previas.
Galicia, con estas novas mortes, alcanza a cifra de 2.546 persoas falecidas desde que se notifican as mortes derivadas desta enfermidade.