Dúas novas motocicletas súmanse ao parque móbil da Policía Local de Pontevedra. Este xoves eran presentadas por Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, na praza de Ourense.
A responsable municipal explicou que esta adquisición se debe á necesidade de renovar de maneira periódica os vehículos deste servizo. "Algunhas motos comezaban a estar xa antigas, polo que decidímonos optar por estes dous modelos que se fabrican en Barcelona", explicou Vilaverde durante a presentación.
As principais características destes vehículos atópanse nun peso lixeiro e unha maior versatilidade para traballar en distintos espazos. "Teñen uns consumos enerxéticos mínimos", apuntou a concelleira, "tanto no que ten que ver co combustible como coas luces, que incorporan tecnoloxía LED, facendo que o consumo eléctrico sexa moi baixo".
Ademais son modelos cun centro de gravidade máis baixo, de maneira que permite unha postura máis cómoda e máis segura para a condución dos axentes.
Os dous vehículos foron adquiridos tras realizar un investimento municipal próximo aos 18.000 euros e contan con novos cascos de protección con melloras na subida da visera.
O parque móbil da Policía Local suma, con estas incorporacións, 18 motocicletas, segundo explicou Eva Vilaverde e estes dous modelos xa están operativos desde esta semana.