Dúas persoas causan incidentes violentos no PAC de San Roque

O Salnés
03 de xullo 2023

Foi o propio persoal do centro o que avisou á Policía de que estaban pechados na zona de boxes porque varias persoas entraran á forza dando gritos e golpes e unha sanitaria recoñecera a un deles como unha persoa que xa provocara incidentes no Hospital do Salnés noutras ocasións

Ambulatorio de San Roque
Ambulatorio de San Roque

A Policía Local de Vilagarcía e a Nacional tiveron que intervir no incidente causado por dúas persoas violentas no PAC de San Roque. 

Foi o propio persoal do centro o que avisou á Policía de que estaban pechados na zona de boxes porque varias persoas entraran á forza dando gritos e golpes e unha sanitaria recoñecera a un deles como unha persoa que xa provocara incidentes no Hospital do Salnés noutras ocasións.

O primeiro dos detidos é un home de 28 anos que se encarou e tratou de agredir aos axentes cando acudiron ao centro, amosándose violento e opoñendo moita resistencia á detención. 

No momento no que os axentes intentaban reducilo, a muller, a segunda detida, intentou impedilo propinándolle unha patada na faciana a un axente e varios golpes a outros dous.

Aínda co individuo esposado, cando o intentaban sacar do centro sanitario, o home foi quen de golpear a porta e romper parte do vidro, e a muller arremeteu a patadas cun vehículo policial.

No incidente tamén estaban presentes a nai e unha irmá do detido.

Antes de ser trasladalos aos calabozos da Comisaría, tanto os detidos como os axentes feridos, foron atendidos polo persoal do ambulatorio.