Dúas persoas de Marín, con xustificante de desprazamento, sofren improperios desde as casas e padecen unha crise de ansiedade

Marín
14 de abril 2020

Os axentes da Policía Local agradecen a implicación da cidadanía para controlar aquelas persoas que se saltan as limitacións de mobilidade pero piden a la cidadanía que, en lugar de increpar desde as casas, se avise á Forzas da Orde para evitar situacións de tensión

Control da Policía Nacional e a Policía Local de Marín Diego Torrado

A Policía Local de Marín móstrase preocupada pola vixilancia que algúns cidadáns realizan desde os balcóns e xanelas das súas vivendas e que, ao comprobar algunha irregularidade entre peóns que non atenden aos límites de mobilidade, dedícanse a increpar ao presunto infractor.

Ante esta situación, os axentes agradecen a implicación cidadá durante este estado de alarma e entenden a indignación que se produce cando as persoas que se atopan nas súas casas ven a outros na vía pública, pero piden á cidadanía que acuda ás vías establecidas para denunciar os casos irregulares.

Neste sentido, aconsellan que se chame ás forzas da orde (Policía Local, Policía Nacional ou Garda Civil) para alertar sobre a situación pero piden que non "se tome a xustiza pola súa man". Lembran que as forzas policiais pedirán os xustificantes necesarios e realizarán as comprobacións que se precisen para actuar atendendo ao establecido polo Goberno.

Sinalan que dúas persoas tiveron que ser atendidas por crises de ansiedade ao sufrir os ataques verbais desde as vivendas cando circulaban pola vía pública durante estes últimos días.

En ambos os casos, segundo a Policía Local, estas dúas persoas si tiñan xustificado o desprazamento e, a pesar diso, sufriron improperios desde as xanelas.