Os casos de persoas afectadas por coronavirus continúa incrementándose. Este sábado, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabilízanse 59 casos activos por Covid-19, sete máis que o venres.
Dúas persoas ingresaron nas últimas horas no Complexo Hospitalario Universitario de Montecelo (CHUP) cos protocolos Covid e atópanse en planta á espera de comprobar a súa evolución durante os próximos días.
O resto de casos, un total de 57, son pacientes que se atopan nos seus domicilios evolucionando e con seguimento por parte dos médicos do seu estado.
En Galicia, os datos tamén son preocupantes. Nas últimas horas rexistráronse 137 positivos máis na comunidade autónoma, que se sitúa con 1.158 activos. A área sanitaria da Coruña continúa sendo a que ofrece as cifras máis elevadas con 700 casos, seguida por 129 en Vigo; 104 en Lugo e 78 en Ourense, fronte aos 46 e 42 casos que se localizaron en Santiago de Compostela e Ferrol.
A cifra de persoas falecidas por coronavirus continúa sendo de 623 na comunidade galega desde o inicio da pandemia, 16 delas eran pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.