Dúas persoas resultan feridas nun accidente laboral ao virse abaixo un andamio

Sanxenxo
06 de novembro 2023

Sucedía este luns 6 de novembro nunha vivenda en Fontoira, no Concello de Sanxenxo. O andamio derrubouse ao ser golpeado pola furgoneta da empresa que realizaba as obras. Un dos feridos sufría danos de gravidade e foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Andamio onde se rexistraba o accidente laboral en Fontoira
Andamio onde se rexistraba o accidente laboral en Fontoira

Un fatal accidente laboral saldábase este luns con dúas persoas feridas, unha de carácter grave e outra leve. 

O suceso rexistrábase nunha vivenda de Fontoira, lugar da parroquia de Padriñán, no municipio de Sanxenxo. Os dous traballadores permanecían subidos a un andamio de aproximadamente dous pisos de altura realizando traballos de illamento cando se producía o accidente, segundo indican fontes municipais.

Por causas que se investigan, a furgoneta da empresa que se atopaba aparcada a 25 metros de distancia da vivenda onde se realizaban os traballos desprazouse marcha atrás golpeando á estrutura.

Os operarios precipitábanse ao chan cando o andamio derrubouse como consecuencia do impacto.

O ferido que presentaba danos de maior gravidade foi atendido no lugar do accidente por unha ambulancia medicalizada e, posteriormente, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

A empresa que realizaba estes traballos de reparación é Alupa Canal, con sede social en Pontevedra.