Dúas semanas peiteando Vilaboa en busca de Maty, que fuxiu dos petardos de Noitevella: "Para min, é a miña vida"

Vilaboa
15 de xaneiro 2026
Actualizado: 17:22

Un grupo de 40 persoas voluntarias percorren a diario Vilaboa, Marín ou Soutomaior en busca desta podenca de 11 anos, rescatada da canceira fai oito e que ten un "trauma" cos ruídos fortes

Buscan a Maty
Buscan a Maty / PontevedraViva

Roldaban as 19.30 horas do 31 de decembro cando o pai de Nuria detectou que a súa cadela Maty faltaba da súa casa de Acuña, en Vilaboa.

Fuxiu dos fogos, os petardos, o ruído e os derrapes dos coches que fixeron os mozos da parroquia durante a tarde de Noitevella e, desde entón, búscana.

15 días sen descanso nos que a familia peiteou todos os arredores de Vilaboa e chegou a municipios veciños como Marín ou Soutomaior.

Son dúas semanas de procura na que atoparon un gran respaldo. Creouse un grupo de whatsapp con 40 persoas voluntarias que, en canto teñen un oco, peitean os arredores e reparten carteis.

Pese ao esforzo, "aínda non temos nada", recoñece Nuria, que vive "coa esperanza de tentar atopala".

Maty é unha podenca de 11 anos que leva oito con Nuria Pintos. Rescatouna da canceira de Poio e, desde entón, "para min é a miña vida"

"Estamos soas, ela, a miña outro cachorro pequeno e eu. E son 8 anos de moitas cousas, de moitos recordos, de que ps levo comigo a todos lados. Para min, son todo", resume desesperada esta veciña de Vilaboa.

Ese agarimo permite entender a súa desesperación desde que escapou, asustada. "Moi nerviosa e moi axitada", conseguiu saltar o muro de dous metros que rodea a súa casa e fuxiu con destino descoñecido.

O seu outro can ten epilepsia e Maty "un trauma da súa época cazadora" que os fai a ambos moi sensibles aos ruídos, de modo que, cada vez que saben que os haberá, "temos que gardalos".

En Noitevella xa temían unha situación complicada e por iso Nuria pediu ao seu pai que fose ver os seus cans. O problema é que os previsibles ruídos adiantáronse á tarde e, cando chegou á súa casa, xa escapara.

Maty
MatyPontevedraViva

"Xa levaban toda a tarde tirando fogos, facendo moitísimo ruído, derrapando cos coches e o meu pai xa se asustou cando chegou á estrada que leva á miña casa, porque claro, o ruído aquel xa sabemos que para eles é fatídico", relata, moi preocupada.

Os seus peores temores cumpríronse e "ao chegar a casa, Maty xa non estaba". Escapara, non saben cara a onde e "desde entón, ninguén a viu, ninguén sabe nada dela", a pesar das batidas e de que encheron as redes sociais de fotos súas.

Sospeitan que pode estar refuxiada no monte ou nun lugar con auga e cazando para sobrevivir, pero tamén cabe a posibilidade de que alguén a teña na súa casa.

En todo caso, a petición de Nuria é sempre a mesma: quen teña noticias da súa cadela, que se poña en contacto con ela a través do teléfono 673 027 064.

Maty desapareció el 31 de diciembre
Maty desapareceu o 31 de decembroPontevedraViva