O incendio que se produciu o pasado sábado no aparcadoiro de Montero Ríos provocou un forte enfrontamento entre o Partido Popular e o goberno municipal. O voceiro dos populares, Jacobo Moreira, cualificou de "imperdonable" que nin o alcalde nin ningún dos concelleiros de BNG e PSdeG-PSOE, acudise ao lugar dos feitos para poñerse á fronte do operativo de emerxencia e atender aos afectados.
Tras felicitar a Bombeiros e Policía Local e celebrar que non se producisen danos persoais, Jacobo Moreira foi moi crítico con esta ausencia que, entende, ofreceuse unha imaxe "lamentable" aos usuarios do aparcadoiro "en su mayoría turistas y de fuera de Pontevedra". De aí que insistise en que o sucedido é "vergonzoso" e supón "la peor campaña de promoción turística".
O PP pedirá explicacións do sucedido no próximo pleno municipal. Afirma Moreira que a sensación dos afectados era de "total desconcierto" e criticou que o Concello de Pontevedra non organizase un posto ou oficina de información e atención a estas persoas, e que non puxeran carteis en cada unha das entradas do aparcadoiro informando de que estaba pechado debido ao que sucedera.
"Ser alcalde o concejal es un trabajo de 24 horas y siete días a la semana y se demuestra en estos momentos", reiterou o voceiro do PP en Pontevedra, que ironizou con que un alcalde "debe estar para más cosas que entregar flores, visitar fiestas y ponerse detrás de una pancarta".
CARME DA SILVA: "HAI QUE DEIXAR TRABALLAR AOS PROFESIONAIS"
A denuncia de Jacobo Moreira encontrou unha rápida resposta na concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, quen confirmou que ela estivo en "comunicación teléfonica constante" cos responsables do operativo de emerxencias, o intendente da Policía Local e o xefe do corpo de Bomberos. Asegurou que a última chamada a recibiu o propio sábado ás 3.52 horas da madrugada.
"O peor ridículo que vin facer a alguén na miña vida foi ao señor Feijóo cunha mangueira na man en 2006", asegurou Carmen da Silva.
"O que temos que facer os que temos responsabilidades políticas é deixar que traballen os profesionais", afirmou a concelleira. "Ás veces algún por querer saír nas fotos non fai máis que incordiar e molestar". Neste sentido, sinalou que o "peor ridículo que vin a alguén facer na miña vida" foi cando o entón xefe da oposición en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, colleu coa man unha mangueira para facerse unha foto durante a vaga de incendios de 2006.
Carme da Silva asegura que os afectados foron atendidos polos profesionais "que os tiñan que atender" e que a súa responsabilidade como concelleira de Seguridade Ciudadana era estar localizable en todo momento "por había que tomar unha decisión política que superase ás competencias da Policía Local ou dos Bombeiros". Ao estar o incendio controlado e baixo control, dixo, non se requiriu a súa presenza.
As críticas populares son, para o goberno municipal, unha "falta de respecto" á Policía Local, aos Bombeiros e ao resto de persoas que participaron neste operativo. Enmárcanse, sinalou Da Silva, no "ataque sistemático" que o voceiro do PP, Jacobo Moreira, realiza "a todo o que teña que ver con Pontevedra".
A este respecto gabou a "elevada profesionalidade e bo facer" de todos os corpos de emerxencia que participaron neste operativo, grazas ao cal, dixo, non houbo que lamentar ningunha desgracia persoal. O seu principal cometido foi comprobar que non había ninguén atrapado no interior do aparcadoiro e que ninguén accedese ás instalacións para chegar aos seus vehículos ata que fose seguro facelo.