É o "Día de los muertos" no Crespo Rivas

Pontevedra
31 de outubro 2017

Os alumnos da escola de educación infantil Crespo Rivas elixiron este ano esta festividade mexicana como tema para coñecer a cultura daquel país

"Día de los muertos", no Crespo Rivas Mónica Patxot

O Día de los muertos é considerado a tradición máis representativa da cultura mexicana. A celebración leva a cabo en dous días: o 1 de novembro é dedicado á alma dos nenos e o 2 de novembro á dos adultos.

Os alumnos da escola de educación infantil Crespo Rivas elixiron este ano esta festividade mexicana como tema para coñecer a cultura daquel país.

Así, puideron saber que a crenza popular mexicana é que as almas dos seres queridos regresan de ultratumba durante o Día de los muertos. Por iso, recíbeselles cunha ofrenda onde se coloca a súa comida e bebida favorita, froita, calaveritas de doce e, se fose o caso, xoguetes para os nenos.

Do mesmo xeito que sucede en Galicia, unha parte moi importante desta tradición implica visitar os cemiterios. Xa sexa durante o día ou a noite, as familias acoden e colocan velas sobre as tumbas como unha forma de iluminar o camiño das almas no seu regreso a casa.

En México percíbese á morte dunha maneira moi peculiar, pois os mexicanos utilizan a sátira para burlarse dela. 

Os rapaces do Crespo Rivas fixeron gala deste bo sentido do humor para ambientar o centro e aprender cousas novas mentres xogan.