E ti, es un 'princesiño' ou unha 'principiña'?

Pontevedra
11 de xuño 2015

"Que un príncipe e unha princesa se coñezan e xa se casen, non ten sentido ningún". É a suxestiva reflexión coa que comeza Principiñas e princesiños, un video no que nenos e nenas de cuarto de Primaria de colexios públicos de Pontevedra analizan os estereotipos dos contos infantís. A iniciativa está a revolucionar a rede

Unha das escenas de 'Principiñas e princesiños'
Unha das escenas de 'Principiñas e princesiños' / El Espejo Mágico Producciones

"Que un príncipe e unha princesa se coñezan e xa se casen, non ten sentido ningún"

É a suxestiva reflexión coa que comeza Principiñas e princesiños, un video protagonizado por nenas e nenas de cuarto de Primaria de colexios públicos da cidade de Pontevedra e que está a revolucionar a rede, especialmente dende que hai uns días fose promovido pola sección de tendencias do portal Yahoo!.

Forma parte do proxecto Namorando, impulsado polo Concello de Pontevedra, un programa para a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero entre os máis pequenos.

O obxectivo, contribuír a xerar unha sociedade menos violenta e máis igualitaria, cambiando concepcións erróneas arredor das relacións de parella e ensinando como actuar ante a aparición das primeiras sensacións e emocións amorosas cara a unha segunda persoa do mesmo ou distinto sexo.

Trátase dun video elaborado por Juan Carlos Pérez de El Espejo Mágico Producciones para o proxecto que encabeza a psicóloga Jone Ojeda e no que colaboran, entre outros, José Aragunde e a ilustradora Tania Solla. Nel, os rapaces protagonistas analizan os papeis que, eles e elas, teñen nos contos infantís tradicionais pero por que non os cambiar? Por que é príncipe quen salva á princesa e non ao revés?

"A min gustaríame que os princípes fixeran iso -limpar ou cociñar- e que as princesas fosen as que viven aventuras", explica un dos nenos que participan nesta iniciativa, na que tiran por terra os estereotipos sexistas que se encontran na maior parte destas historias dirixidas para o público infantil. "Ya basta de señoras malvadas, que haya también señores", reflexiona outro dos participantes.

Por iso, neste video os nenos pontevedreses desexan uns príncipes e princesas diferentes: 'principiñas' dispostas a vivir aventuras, a reivindicar os seus gustos, a poder enfadarse e a saber que non necesitan ser salvadas por ningún príncipe; e 'princesiños' que exprese as súas emocións, cambiando o concepto de valentía, sabendo que hai cousas que nenos e nenas poden compartir e dando o protagonismo que perderon as nenas ao longo dos séculos.

A medida que vai avanzando o seu relato, os seus protagonistas se van soltando e mesmo se atreven a dar consellos sentimentais porque "estar todo o tempo cos príncipes cansa un pouco" e recoméndanlles que aínda que teñan unha parella "podes seguir coas túas amigas e non tes por que deixalo todo e estar todo o rato xuntos". E iso si, ao mínimo indicio de maltrato "que o deixaran, que non volveran con el aínda que llo suplicaran, así non se pode vivir".

E por que non un conto con dous 'principiños' ou que Cincenta quedase prendada doutra princesa?, chegan a suxerir. "Pareceríame ben que un príncipe se namorase doutro príncipe. Poderían casar, teñen liberdade para facelo," aseguran. Todo iso antes de deixarse ver con xoguetes que, tradicionalmente, tiñan un rol diferente: as 'principiñas' con avións, monopatíns ou balóns de fútbol e os 'princesiños' con bonecas ou cambas.

Non vos perdades o video completo deste marabilloso proxecto. Eles son 'principiñas e princesiños'... e ti tamén podes selo!