Echegaray renovará o seu aspecto tras o cambio das redes de auga e saneamento

Pontevedra
25 de marzo 2019

A renovación de servizos chega á rúa Echegaray. A empresa Viaqua, adxudicataria do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga en Pontevedra, ten listo o proxecto para actuar neste ámbito urbano. As obras, que teñen un orzamento de 696.000 euros, serán asumidas pola empresa con cargo ao novo contrato de auga

Rúa Echegaray, Pontevedra

A renovación de servizos chega á rúa Echegaray. A empresa Viaqua, adxudicataria do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga en Pontevedra, ten listo o proxecto para actuar neste ámbito urbano. As obras, que teñen un orzamento de 696.000 euros, serán asumidas pola empresa con cargo ao novo contrato de auga.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses, aínda non teñen data fixada de inicio. Segundo o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, o calendario acordarase cos veciños e comerciantes da rúa.

A obra "fundamental", segundo González, será "a que non se ve", xa que se renovarán as redes de pluviais, saneamento e abastecemento de auga, que terán os mesmos parámetros de calidade que no resto da cidade.

Así, haberá dúas redes novas de saneamento, unha a cada lado da rúa, que supoñerá a colocación de 425 metros lineais de tubaxes de 315 mm, 28 pozos de rexistro e 37 acometidas; mentres que a rede de pluviais tamén se cambiará por ambos os lados, con 425 metros lineais de tubaxes de 400 mm, 23 pozos, 37 acometidas e 26 sumidoiros.

Con respecto ao abastecemento de auga, pola súa banda, colocaranse 270 metros de tubaxe de 160 mm, 42 metros de tubaxes de 300 mm e 14 unidades de acometida.

Ademais, renovaranse as canalizacións eléctricas en toda a rúa e, en superficie, ampliaranse as beirarrúas e en ambos os lados haberá aparcadoiro reservado para servizos que, a diferenza da actualidade, volverán ser en liña.

Haberá en total, segundo o Concello, 1.804 metros cadrados reservados para beirarrúas, que estarán construídas en pedra, lastra e lousa; e 1.634 metros cadrados para aparcadoiros.