Eduardo Pondal e Otero Pedrayo terán 'lombos' en toda a rúa

Pontevedra
25 de setembro 2019

Dúas das principais vías de entrada na cidade, as rúas Eduardo Pondal e Otero Pedrayo, contarán con redutores de velocidade, os coñecidos como 'lombos', en todos os seus pasos de peóns. Así o anunciou o Concello, que traballa para que esta medida poida estar executada antes de que termine este ano

Rúa Eduardo Pondal, Pontevedra Diego Torrado

Dúas das principais vías de entrada na cidade, as rúas Eduardo Pondal e Otero Pedrayo, contarán con redutores de velocidade, os coñecidos como 'lombos', en todos os seus pasos de peóns. Así o anunciou este mércores o Concello, que traballa para que esta medida poida estar executada antes de que termine este ano.

Eduardo Pondal, lembran desde o goberno municipal, é unha das rúas da cidade onde se producen máis accidentes ou atropelos porque "non ten o tráfico calmado" e entenden que é unha cuestión que "non podemos permitir".

Desta maneira, construiranse 'lombos' en todos os pasos de peóns que hai desde a rotonda de Uxío Novoneyra ata a estación de tren e, xa en Otero Pedrayo -onde tamén se construirán beirarrúas enfronte do albergue de peregrinos-, colocaranse polo menos dous, un neste punto e outro na desembocadura da senda dos Gafos. 

Esta actuación forma parte dun plan de obras no que traballa o goberno municipal e que supoñerá, segundo o edil Demetrio Gómez, resolver a "dificultade" que existe actualmente para manter circuítos peonís entre Ponte Boleira e Doce de novembro.

Serán obras de reforma urbana que permitirán resolver "problemas moi concretos" que responden tanto a peticións dos veciños deste ámbito urbano como aos estudos que realizaron os técnicos municipais nos últimos meses.

Así, en Ponte Boleira e a rúa Pedro Sarmiento de Gamboa "non hai por onde cruzar", apuntou o responsable de Obras, polo que se mellorarán os itinerarios peonís e ampliaranse as beirarrúas. Ademais, na Rúa da Cortidoira estudarase poñer plataforma única para dar un mellor servizo aos usuarios da residencia e o centro de alzhéimer.

Entre O Gorgullón e Eduardo Pondal, mentres tanto, rehabilitaranse de maneira integral a travesía de Eduardo Pondal e a Rúa da Moa. En ambos os casos as beirarrúas son moi estreitas e priorizarase o tránsito peonil. As dúas rúas quedarán de saída cara Eduardo Pondal e os coches deberán obrigatoriamente virar en dirección a Vigo.

A cuarta actuación terá como escenario a nova pasarela sobre a vía ferroviaria en Doce de novembro. A falta de pecharse o proxecto, este espazo terá un tratamento de "zona de estancia", onde se potenciarán as zonas verdes e o mobiliario urbano. Crearase ademais unha beirarrúa que permita transitar con continuidade entre a Rúa das Hortas e a Rúa da Estrada.