Eduardo Pondal manterá os tres carrís tras a ampliación dunha das súas beirarrúas

Pontevedra
15 de outubro 2018

O goberno municipal garantiu este luns que o tramo da rúa Eduardo Pondal en obras, entre Filgueira Valverde e Uxío Novoneyra, manterá os seus tres carrís de circulación cando terminen os traballos para ampliar unha das súas beirarrúas

Reforma na rúa Eduardo Pondal
Reforma na rúa Eduardo Pondal / PontevedraViva

O goberno municipal garantiu este luns que o tramo da rúa Eduardo Pondal en obras, entre Filgueira Valverde e Uxío Novoneyra, manterá os seus tres carrís de circulación cando terminen os traballos para ampliar unha das súas beirarrúas.

Ante as críticas do PSdeG-PSOE, que denunciaba que esta obra supoñía a supresión do aparcadoiro e dun carril na marxe dereita, en sentido entrada á cidade, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, negou que esta situación sexa permanente.

"Hai que ser serios", pediu o edil aos socialistas, aos que lembra que o proxecto se explicou na comisión de mobilidade e que forma parte das melloras ofertadas pola empresa que executa a reforma da rúa Virxe do Camiño.

Os traballos en Eduardo Pondal concluirán "nuns quince días", sinalou Gómez, que lembrou que as obras "sempre teñen atrancos" e que os veciños de rúa están a colaborar "extraordinariamente".

Unha vez completados, a rúa recuperará o seu terceiro carril de circulación -que permite o acceso dos vehículos cara a Uxío Novoneyra-.

Isto será posible, dixo, porque se eliminan as prazas de aparcadoiro de carga e descarga que había nesta beirarrúa e os que están situados enfronte pasarán a estar dispostos en liña, en lugar de batería. Este cambio permitirá que haxa espazo para manter os tres carrís.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora