O alcalde de Campo Lameiro Carlos Costa e a concelleira Nieves Boullosa mantiveron unha xuntanza de traballo co xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, César Pérez Ares, na que abordaron as necesidades de infraestrutura relacionadas co colexio público Pedro Antonio Cerviño da localidade.
Neste encontro, a Xefatura Provincial de Educación comprometeuse a acometer de inmediato unha serie de melloras no centro educativo, como son o pintado de varias aulas e espazos do edificio, o arranxo de persianas e xanelas, e arevisión do sistema de calefacción ou a substitución de radiadores, entre outras.
Carlos Costa insistiu diante do xefe territorial da Consellería en Pontevedra na necesidade de realizar as obras no CEIP Pedro Antonio Cerviño á maior brevidade posible, dado o próximo inicio do curso escolar.
Previo ao inicio destes traballos, unha comisión de técnicos visitará o centro educativo para avaliar as intervencións necesarias.