O sindicato CNT convocou unha folga no Consorcio galego de Igualdade e Benestar a partir deste luns 5 de setembro. A decisión afecta o persoal das escolas 'Galiña Azul'.
O motivo desta protesta atópase en que o sindicato denuncia que o ente público traballa cun 90% do seu persoal en fraude de lei por abuso de temporalidade na contratación. Reclaman a fixeza e a aplicación da directiva europea que, segundo o sindicato, recoñece a ilegalidade na que se atopan estes traballadores.
Ao longo do trimestre realizaranse quince xornadas ao mes de folga. A primeira iníciase este luns 5 e durará ata o venres 16 de setembro. O sindicato reclama unha convocatoria dun proceso selectivo propio e non unha oposición non eliminatoria, ademais de que se retire o concurso de traslados e unha fórmula de selección na que prime a formación impartida polo Consorcio e a experiencia profesional.